Veciños de Teo denuncian a vertedura de aguas fecais en Pontevea

Catorce anos despois de que o alcalde Sisto, sendo concelleiro na oposición, denunciara as verteduras de fecais en Pontevea, o problema segue sen resolverse logo de gobernar durante máis de 10 anos. Dende o inicio da lexislatura, o executivo local ten anunciado un futuro arranxo que nunca chega. Para a veciñanza da zona, este feito simboliza o desleixo crónico do bipartito coas parroquias do Sur do concello, inacción que mesmo ten conlevado a sancións.

As augas fecais xeradas en Pontevea arróxanse directamente ao río Ulla, co perigoso agravante de que uns 300 metros río abaixo hai unha toma de auga para o abastecemento. O vertido prodúcese ao rebordar a fosa séptica por falta de limpeza dos servizos municipais, provocando a saturación do  sistema de decantación e, en consecuencia, que os restos orgánicos se arroxen directamente ás augas do río. «A veciñanza ten que saber que a auga que se colle para bañar a un cativo, 300 metros máis arriba ten unha tubaxe botando fecais», recorda José Manuel Guerra.

QUEIXAS DA VECIÑANZA

As queixas da veciñanza veñen de moito tempo atrás pero coas últimas choivas faise máis patente a vertedura constante de fecais. A poboación no núcleo urbano foi aumentando nos últimos anos e a capacidade da fosa séptica resulta moi insuficiente, esixindo unha limpeza continua que o Concello non efectúa.

Tralas denuncias reiteradas do grupo popular e peticións de información en múltiples plenos, fíxose saber dende o executvo local que o problema se vai subsanar, pero a solución nunca chega.

Indignados co tratamento ao sur do concello: pistas, Teobús, saneamento e abastecemento

Nove parroquias que concentran a terceira parte da poboación do Concello non recibiron nin a décima parte dos investimentos do Plan de Obras e Servizos de 2018. Destas nove, a práctica totalidade son do Sur. E, particularmente, cinco delas (Reis, Rarís, Vilariño, Bamonde e Oza) percibiron cero euros. Este reparto fora criticado duramente polos concelleiros populares no pleno de aprobación do POS.

A isto engádense outra serie de cuestións que a veciñanza deixou constancia na reunión. Por unha banda, o sur do concello foi «esquecido» na distribución de rutas do Teobús, o proxecto estrela de mobilidade do bipartito. Pola outra, descoñécese que vai pasar finalmente coa popularmente denominada «tubaxe tóxica», cuxa obra rematou hai catro anos. A isto engaden o lamentable estado das pistas ou o deficitario abastecemento recentemente construído en Vilela.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar