Terceira edición de “Xornalismo na Escola” no Val do Dubra

O CPI de Bembibre, no Val do Dubra, acolle hoxe o primeiro obradoiro da terceira edición de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’, a iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para impartir obradoiros de xornalismo entre os escolares de 3º e 4º da ESO nos institutos de educación secundaria de Galicia.

Con esta primeira actividade, impartida por Rosa María Bueno Crego, arranca unha iniciativa que impartirá un total de 90 obradoiros para escolares de 3º e 4º da E.S.O, distribuídos entre I.E.S de toda a comunidade. Ademais dela, Xosé Lois Carrión González, Pablo Díaz Bouza, Maica García Rodríguez, Emilio Gómez, Mónica González Alonso, Sara Martínez, Paula Méndez e Manuel Vilas López son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que impartirán os talleres.

Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os nove xornalistas tratarán de inculcar na xuventude o espírito crítico ante a información e as noticias nos medios de comunicación offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou tamén o que pode supór para á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

A semana que vén, Xornalismo na Escola “la Caixa” vai chegar ao alumnado do IES San Rosendo de Mondoñedo (o luns 19), o IES Monelos da Coruña (martes 20), o IES Sanxillao de Lugo (martes 20 e xoves 22), o IES Fernando Esquío de Neda (xoves 22) e o IES de Quiroga (venres 23). Ribeira, Curtis, Monforte ou Maceda son outras das localidades nas que se impartirán os obradoiros nos vindeiros días. Posteriormente, viaxarán ata Pontevedra e Vigo.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As dúas primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016 e no 2017 máis de 150 talleres de comunicación en case setenta puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade galega.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar