Día de Rosalía con “Caldo de Gloria”

A Fundación Rosalía de Castro e a Casa-Museo de Rosalía de Padrón volven conmemorar o Día de Rosalía -24 de febreiro, data do seu nacemento en 1837- co ‘Caldo de Gloria’, unha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. O ‘Caldo de Gloria’ xa comezou a realizarse con éxito o ano pasado, cun seguimento masivo en Padrón ao que se uniron ducias de establecementos por todo o país.

Nesta segunda edición, o encargado de preparar o Caldo de Gloria na Casa-Museo será o cociñeiro Pepe Solla, do Grupo Nove, posuidor dunha estrela Michelin no seu restaurante de Poio Casa Solla. Sendo como é un dos principais representantes da nova cociña galega, Solla elaborará un Caldo de Gloria do século XXI. Canda el estarán facendo os bolos do pote tres das mulleres responsables da Festa do Bolo do Pote de Mazaricos: Laura Prado,  Esther Muíño e María García Tuñas.

Desta volta a iniciativa prosegue coa súa expansión polo país e máis alá, coa participación de novo de todos os locais da hostalería de Padrón, xunto con moitos outros por todo o país e mesmo en varias cidades do mundo onde a presenza galega é importante. Tamén se unen a esta proposta,

apadriñada por Galicia Calidade, varios colexios que incorporarán o caldo ao menú escolar, ou o propio El Corte Inglés, ademais de concellos como Ames, Teo, Padrón, Brión, Santiago de Compostela, Celanova ou Ponteceso. Poderá consultarse a listaxe de participantes na web da Fundación (www.rosalia.gal), ademais das instruccións para facer o caldo e participar na iniciativa, alén de descargar os distintos materiais, como folletos, manteis ou carteis.

O obxectivo da Fundación Rosalía con esta iniciativa é que toda Galicia celebre a Rosalía a partir do seu poema “Miña casiña, meu lar” de Follas novas, no que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia protagonizada por unha muller. Queremos que en lugares públicos, coma os comedores escolares ou os locais de hostalería, ou tamén no ambiente familiar e íntimo, Galicia se lembre de Rosalía a través da nosa gastronomía popular e das leccións que nos dá a protagonista do poema: como sobrevivir e mesmo ser feliz a pesar da penuria e das adversidades. O caldo que se vai describindo ao longo do poema cos seus ingredientes (auga, sal, unto, verzas) e que incorpora o “bolo do pote”, responde ao que Picadillo, de quen celebramos o centenario, defendía en 1905 como caldo galego enxebre.

O que se pretende é que Galicia lembre a Rosalía no seu día compartindo en lugares públicos ou no ambiente familiar este caldo dos humildes, o desta muller que nos representa a todos, coma Rosalía. Sería unha maneira de celebrar en Galicia e no mundo o que nos une: a nosa cultura gastronómica popular e unha referencia galega e universal como é Rosalía. Iso si, acompañándoo coa lectura de poemas rosalianos.

Actos durante toda a Semana de Rosalía

Ademais do Caldo de Gloria, colectivos por todo o país celebran o Día de Rosalía. Estes son os actos nos que participa a Fundación Rosalía ao longo de toda a semana:

18 de febreiro

12.30h. Padrón, Casa-Museo. Actuación do grupo ‘Canto d’Aqui’ de Braga, dentro da nova edición de Convergências Galicia-Portugal

20 de febreiro

21h. Santiago, Paraninfo da Facultade de Historia. “Alborada de Rosalía de Castro. Ricardo Portela, ‘In Memoriam’”. Concerto de Oscar Ibáñez & Tribo.

21 de febreiro

20h.  Padrón, Auditorio da vila. Presentación do número 2 da revista ‘Follas Novas’.

22 de febreiro

Braga. A Fundación Rosalía participará no acto institucional das Convergências Galicia-Portugal.

23 de febreiro

Padrón. Acto escolar de homenaxe a Rosalía no Espolón de Padrón e inicio polas rúas do “Caldo de Gloria”, con entrega de premios ós escaparates alusivos e a estrea dun vídeo sobre o tema.

24 de febreiro

COMPOSTELA

11h. Alameda de Compostela: Ofrenda floral diante da Estatua de Rosalía

11.30. Capela do Hostal dos Reis Católicos: acto institucional. Ao final servirase o Caldo de Gloria.

PADRÓN

19.00. Casa-Museo. Concerto de Trío Rosalía (piano, óboe e mezzo-soprano) no salón da Casa-Museo

20.00. Caldo de Gloria para os asistentes na Casa-Museo

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar