A Biblioteca municipal de Lugo alcanzou o pasado ano 18.100 préstamos

A Biblioteca municipal incorporou no pasado ano 352 usuarios, alcanzando os máis de 18.100 préstamos, concretamente 18.100 préstamos. Un 80% do total foron libros, concretamente 14.494, e o resto, 3.627, audiovisuais. Na actualidade, as instalacións municipais contan cun fondo bibliográfico de 38.429 exemplares, entre libros de adultos, infantís e xuvenís, documentos audiovisuais, documentos sonoros e documentos electrónicos. Ao longo do 2017, a biblioteca incorporou 837 exemplares, 442 para adultos e 395 infantís, reforzando e actualiando o Concello ano tras ano este servizo municipal de gran demanda.

Na actualidade, do total de persoas usuarias inscritas no servizo de préstamo, 12.874, 11.400 son adultos e 1.474 nenos e nenas.

Os libros en castelán da sección de adultos máis solicitados no que vai de ano foron Todo esto te daré, de Dolores Redondo; La verdad sobre el caso Harry Quebert, de Jöel Dicker, Patria de Fernando Aramburu, La chica del tren, de Paula Hawkins e El Desorden que dejas, de Carlos Montero. En galego, os exemplares máis prestados foron Ollos de auga, de Domingo Villar, Mercurio, de Emilio Alonso, Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas, Memorias dun neno Labrego, de Xosé Neiras Vila e Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello.

Polo que respecta á sección infantil, os libros en castelán máis solicitados polos nenos e nenas foron Diarigo de Greg: ¡Esto es el colmo!, de Jeff Kinney, Una aventura en el Caribe, de Tea Stilton, El hogar de Miss Peregrine para niños peculiaresEl juego infinito e Buscando plan, de Ransom Riggs, James Dashner e Jeff Kinney, respectivamente. No que se refire ás obras en galego, os máis pequenos da casa decántanse por Escarlinata a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, Os Bolechas van a un festival de Pepe Carreiro, Europa express, de Andrea Maceiras, Xenaro e o misterio da mochila verde, de Mar Guerra e O escarabello de ouro e outros contos, de Edgar Allan Poe.

Catálogo dixital

O catálogo dixital da Biblioteca Municipal de Lugo, que permite realizar consultas e reservas de fondos a través de Internet, recibiu máis de 13.200 visitas. A este catálogo pódese acceder dende http://biblioteca.lugo.gal e a través da web municipal. O acceso xeral ao catálogo, para o que non é preciso estar rexistrado, permite a visualización dos resultados de cada busca cos datos bibliográficos do documento e ofrece ligazóns sobre os seus autores e materias.

Ademais, as persoas usuarias rexistradas, para as que é preciso dispoñer do carné de lector da biblioteca, dispoñen dos seguintes servizos:

  • A recepción de mensaxes relativas a reservas, devolucións e informacións de interese
  • A visualización do histórico dos préstamos realizados pola persoa usuaria
  • A renovación dos préstamos, sempre que non estean atrasados ou non posúan reservas
  • A reserva de exemplares
  • A suxestión de documentos para a súa compra mediante desiderata
  • A inclusión de temas ou autores de interese de cada persoa usuaria, que permitirá que sempre que unha nova obra sexa catalogada e atenda aos datos incluídos polo usuario, este reciba un correo electrónico comunicándolles a nova incorporación

O inicio de sesión como usuario rexistrado realízase co número de carné e unha contrasinal que se lles facilitará dende a propia biblioteca. Os que xa teñan o seu correo electrónico rexistrado na biblioteca poden solicitar a súa contrasinal acudindo persoalmente ou enviando un correo electrónico a bibliotecamunicipal@concellodelugo.org.

No que se refire ao libro electrónico, o control do números de usuarios realízase a través da Xunta de Galicia. Sen embargo, a través da biblioteca municipal as persoas interesadas si se poden dar de alta.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar