A mina de Touro

Logo de escoitar esta semana a conselleira Rosa Quintana no Parlamento, debería estar tranquilo e acougado. Afirmou sen dubidalo que a mina de Touro “só se autorizará se non dana o entorno”. E un que coñece moi ben unha explotación de cobre semellante, a de Aznalcollar (Sevilla), pois debería acreditar que, xa que logo, esa mina nunca se vai construír. A degradación do entorno está asegurado. Non só escavan unha grande extensión de centos de metros de fondo, senón que amontoan as terras e materiais que non serven, facendo unha grande montaña, ademais enchen a contorna de po, que mata os cultivos e, por se fose pouco, constrúen un grande lago de auga contaminada, que se filtra aos acuíferos.

Antes de aprobar ese proxecto pediríalle ao goberno galego que desprazase unha comisión a visitar Aznalcollar, é xa verán como, seguindo as verbas da conselleira, “só é viábel se non dana o entorno ambiental”, non poden outorgar a licencia.

Pois non se trata de “catastrofismos apriorísticos”, como a conselleira do Mar lle contestou a nacionalista Monse Prado.

A catástrofe de Aznalcollar, cando rebentou a balsa, non só está aí presente, senón que aínda se poden ollar os seus efectos até o Parque de Doñana. E agardando aínda a que a xustiza dite sentenza de culpabilida- de, só a reparación dos danos foi cuantificada en 107,83 millóns de euros.

A balsa de Aznalcollar non rebentou, senón que se afundiu o terreo e marchou toda a auga contaminada. Se aquí se produce algo semellante, adeus río Ulla e adeus ría de Arousa. O meu medo, sen apriorismo, señora consellei-ra, aparece ao escoitarlle dicir que a mina é “unha actividade económica moi importante para Galiza”.

Tan importante coma para destruír unha das nosas mellores zonas gandeiras…Tan importante para por en perigo a nosa principal zona marisqueira, natural e paisaxística como é a ría de Arousa e o río Ulla…

Comprométese a Xunta a que na súa decisión prevalecerán os intereses non só do sector gandeiro e pesqueiro, senón o do patrimonio natu- ral e paisaxístico, que é un ben de todos os galegos, como aprobaron as Irmandades da Fala hai cen anos…

Supoño que sabe a señora conselleira que estas minas o único que crean na zona son uns poucos postos de traballo. Que a mina pecha cando o prezo do material non a fai rendíbel. Que o cobre se exporta. Que o capital é foráneo. Que estragan toda a zona…

Pode comparar os postos de traballo que aportan as explotacións gandeiras, marisqueiras e pesqueiras, cos que podería crear a mina. Pode comparar estas actividades económicas coas da mina. Non lle fai falta, sabe que non hai comparanza. Debía de estar tranquilo, debía. Pero teño motivos históricos para estar desacougado. Cada quen sabe co boi que labra.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar