Premios Mestre Mateo:A película “Dhogs” acapara 17 candidaturas

 A primeira rolda de votacións das e dos académicos galegos sitúa o filme Dhogs como a produción máis votada entre as 158 que se presentaron aos XVI Premios Mestre Mateo, acaparando 17 candidaturas en 14 categorías. Entre elas, mellor longametraxe e mellor guión, dirección e montaxe para Andrés Goteira, que comparte a última con Juan Galiñanes. Tamén compiten Iván Marcos e Melania Cruz pola mellor interpretación protagonista e María Costas, Antonio Durán “Morris”, Carlos Blanco e Miguel de Lira polas de reparto. A unha certa distancia sitúanse A estación violenta, con 8 candidaturas; O final do camiño e Os fillos do sol, con 7 cada unha; Serramoura, con 6; e Juana de Vega, vizcondesa do arado e máis Trinta lumes, con 5 cada unha.

A Academia Galega do Audiovisual anunciou esta mañá, nun acto conducido por María Mera e Monti Castiñeiras na sede compostelana da SGAE, os nomes dos proxectos e profesionais finalistas en cada unha das 25 categorías da XVI edición dos Premios Mestre Mateo, que se entregarán o sábado 3 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña, nunha gala conducida, por segundo ano consecutivo, pola actriz Iolanda Muíños.

ADN galego, A Revista Fin de Semana, Land Rober Tunai Show e Que casas! compiten polo premio ao mellor programa de TV, mentres que María Solar, Nieves Rodríguez, Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez fan o propio polo de mellor comunicador/a. Era visto! e Vidago Palacedisputarán o de mellor serie coas xa mencionadas O final do camiño e Serramoura. E, entre os 20 documentais presentados, as e os académicos elixiron como finalistas A batalla descoñecida, Castelao. De chumbo a verba, O tempo futuro e Vigo 1972.

A muller invisible, Escarabana, La Madrina e Matria son as finalistas na categoría de mellor curtametraxe; Galesauros, The neverending wall, Paquita Sinceramente, yo ya no razono na de mellor curtametraxe de animación; Conserveiras do noso, Imposible sen ti 2017, Machismo on the road de Galuresa e Vegalsa Navidad na de mellor anuncio; e Como Gala y Dalí (Jorge Casal), Días y días (Delafé), Salto al vacío (Nortones), Todos los gallegos (Fernando Tato y Los Animales) e Troubled times (Green Day) na de mellor videoclip.

Compiten coa mencionada Melania Cruz polo premio á mellor interpretación feminina protagonista en Dhogs, Nerea Barros (A estación violenta), Sabela Arán (Viradeira) e Sonia Castelo (Juana de Vega, vizcondesa do arado). Pola súa banda, o seu compañeiro de reparto Iván Marcos enfróntase a Alberto Rolán (A estación violenta), Federico Pérez (Era visto!) e Javier Rey (O final do camiño)

Optan ao premio á mellor interpretación feminina de reparto Bárbara Grandío (A historia dun satélite), Luisa Merelas (Juana de Vega, vizcondesa do arado), Susana Sampedro (Serramoura) e a mencionada María Costas (Dhogs), mentres que o único finalista na categoría de mellor interpretación masculina de reparto que non pertence ao equipo de Dhogs -comoé o caso de Antonio Durán “Morris”, Carlos Blanco e Miguel de Lira- é Monti Castiñeiras (Serramoura).

Con nome propio

Ademais do mencionado Andrés Goteira, destacan nesta edición dos grandes premios do audiovisual galego dous nomes femininos: Diana Toucedo e Anxos Fazáns. A primeira é finalista nas categorías de mellor longa, guión e montaxe por Trinta lumes e, nesta última, tamén por A estación violenta. Precisamente, comparte esta última candidatura con Iria Silvosa e con Anxos Fazáns, que tamén compite polos premios á mellor dirección e ao mellor guión, nun equipo composto tamén por Ángel Santos, Xacobe Casas e Daniel Froiz.

Podedes consultar aquí a Listaxe Compltea de Finalistas dos Mestre Mateo 2018

Iolanda Muíños (Narón, 1975) é actriz de teatro, cine e televisión. Foi galardoada con premio María Casares de teatro á mellor actriz protagonista por Life is a Paripé (2011) e á mellor actriz secundaria por Presidente (2016). No ámbito do cine ten participado como actriz en longametraxes como 8 Apellidos CatalanesEl Desconocido, Os Crebinsky, Mar Adentro ou 13 Badaladas. Para televisións estatais ten traballado en series como Cuéntame, Los Serrano ou La que se Avecina. Na TVG formou parte dos elencos de Pazo de Familia, A Casa da Conexa, Escoba, Padre Casares, Libro de Familia, Rías Baixas ou Pratos Combinados, entre outras. Muíños leva traballando en teatro dende que a principios dos 90 se iniciara na Escola de Teatro de Narón. Algunhas das súas últimas montaxes foron Presidente (Teatro do Morcego), Bye Bye Honey (Obras Públicas), Malos Hábitos, Galicia Caníbal, Life Is A Paripé (Obras Públicas) ou Los Músicos de Bremen (Teatro do Morcego).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar