O ‘procés’ rematou

Digámolo claramente: o procés rematou. O independentismo catalán terá que atopar un novo carreiro para conseguir a soberanía, porque as arelas emancipadoras de Cataluña non van minguar con este fracaso.

O nacionalismo catalán trabucouse ao usar o independentismo para tapar a corrupción da súa xestión institucional e o descontento social polas súa políticas regresivas. A burguesía catalá (CiU) non quería perder o poder a mans da burguesía catalanista (ERC).

Mandaron os tempos partidarios na vez dos tempos nacionais. Desde antes de chegar a autonomía, o nacionalismo catalán encamiñara a súa política cara conseguir unha maioría social independentista incuestionábel. Pero, agora, puxeron en marcha o procés como se este fora un feito real, cando só era imaxinario.

Esta foi a primeira razón do seu fracaso. Aínda non tiña a forza social suficiente.

A segunda razón foi que a UE, e máis desde o novo pacto de Francia e Alemaña, non está para alentar soberanismos. Os cantos de serea de que Cataluña era o centro e España a periferia, de que en Bruxelas estaban cansos da corrupción de Madrid e das axudas a Andalucía e Castela, non pesaron tanto coma o medo a unha dinámica que puidese esfarelar a propia esencia comunitaria.

Así que non contaban co respaldo das institucións europeas, nin de ningunha potencia. Na independencia dos novos estados bálticos e balcánicos, nos que pretendían ollarse, estaban por detrás os intereses americanos e alemáns.

Outras das razóns é que non foron quen de asegurarse o control do capital e, cando se qui- xeron dar conta, a Caixa e outros bancos xa estaban fora de Cataluña, nin foron capa- ces de nacionalizalos nin, sequera, de construír un banco nacional catalán.

Aínda así, puideron inten- tar con máis forza o obxectivo da república catalá. Pero non estaban dispostos a que houbese unha revolución, aínda que esta pasase, unicamente, polos cidadáns tomando a rúa. E non estaban dispostos a apoiarse nas masas porque quen diri- xía o procés era a burguesía. Tampouco estaban dispostos a arriscar o que conseguiran sen ter estado, nin a asumir os grandes sacrificios persoais e materiais que leva o enfrontamento directo co Estado.

Puigdemont sigue fiando todo a que se visibilice na UE o déficit democrático do Estado español e que amparen, finalmente, unha asemblea constituínte a marxe do Parlament.

O problema é que o nacionalismo non pode agardar por máis tempo a retomar non so o control das institucións autonómicas, pois son estas as que fornecen toda a estrutura que o nacionalismo veu montando desde hai máis de cincuenta anos, senón todo o entarimado social que depende da autonomía.

Estamos no fin de algo, pero non é fin de nada.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar