Formoso compromete mellores infraestructuras en Carral

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou o Concello de Carral para coñecer o resultado de varias das obras e proxectos financiados pola institución provincial no municipio.

Á súa chegada ao concello, foi recibido polo alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, a deputada provincial, Patricia Blanco Fidalgo, o portavoz do PSOE na localidade, Pablo Couto, e outros membros da corporación municipal.

O alcalde de Carral deu a benvida ao presidente da Deputación a un municipio “pequeno pero con historia” e que “se caracteriza por ser a despensa da Coruña”, destacando a calidade do pan e os produtos da horta.

Fernández Mouriño sinalou que Carral “é un municipio en pleno crecemento, que gañou 800 habitantes nos últimos anos” e declarouse “defensor a ultranza das Deputacións”, que considerou “imprescindibles para os concellos pequenos”.

“Estou moi satisfeito de como trata a Deputación aos veciños de Carral”, afirmou o rexedor.

Pola súa banda, Valentín González Formoso agradeceu o recibimento e compartiu as consideracións do alcalde sobre o papel das institucións provinciais, destacando que “sen a achega das Deputacións os concellos terían serias dificultades para atender ás necesidades dos veciños, especialmente nas zonas menos poboadas”. González Formoso mantivo que “o noso obxectivo é prestar servizos aos municipios e axudarlles para que poidan ter os recursos necesarios para atender ás demandas dos veciños”.

Neste sentido, o presidente da Deputación destacou o importante esforzo económico realizado durante o presente mandato no Concello de Carral, con investimentos que rondan os 3,5 millóns de euros.

A través dos distintos plans, coma o Plan Único, o Plan de Acción Social, ou Plan de Emprego, a Deputación contribuíu a mellorar infraestruturas e servizos básicos no municipio, coma a Casa da Xuventude, que foi inaugurada recentemente e conta cunha clara orientación cara os mozos e mozas, que dispoñen agora dun espazo de entretemento e formación en aspectos coma as novas tecnoloxías.

Por outra banda, os fondos achegados pola Deputación tamén permitiron rehabilitar un espazo no polígono de Os Capelos para levar a cabo obradoiros de emprego relacionados co eido da agricultura, onde actualmente reciben formación 20 persoas nas especialidades de fruticultura e viveirismo.

Así mesmo, a Deputación achegou 220.000 euros para mellorar o parque infantil situado con Campo da Feira, o único en todo o centro urbano e que presentaba diversas carencias debido á súa antigüidade. Tras a reforma, o parque ofrece agora varias zonas específicas para que os nenos de distintas idades poidan xogar sen interferencias perigosas. Así mesmo, instalouse un pavimento de caucho de seguridade.

O presidente da Deputación visitou estas tres infraestruturas, das cales destacou a súa utilidade para axudar a fixar poboación, adaptando os servizos públicos ás necesidades da veciños e veciñas de Carral máis novos.

Travesía de Coiro

Valentín González Formoso tamén visitou a travesía de Outeiro e Coiro, que foi reformada recentemente polo departamento de Vías e Obras da institución provincial. O presidente da Deputación describiu estes traballos como “moi necesarios para mellorar a seguridade, sobre todo dos peóns, nunha zona de tráfico intenso” xa que conecta Cambre e Carral.

Pola súa banda, o alcalde carralés agradeceu tamén “o esforzo inversor que realiza a Deputación no mantemento e mellora dos 32 quilómetros de estradas provinciais que ten no municipio”.

As obras realizadas pola Deputación consistiron na reurbanización e mellora da seguridade viaria na DP17004, entre os puntos quilométricos 10+480 e 11+310, que corresponde ao tramo entre Outeiro e Coiro.

O obxectivo principal dos traballos foi a ampliación das beirarrúas en ambas marxes ata alcanzar dous metros de ancho, deixando un espazo para a calzada de sete metros.

As antigas beirarrúas atopábanse considerablemente deterioradas en gran parte do tramo, e ademais non cumprían coa lei de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, xa que nalgúns tramos eran tan estreitas que obrigaban aos peóns a invadir a calzada.

Para solucionar esta carencia, nas zonas máis estreitas construíronse beirarrúas están a nivel da calzada, mentres que nos outros tramos levan un bordo sobreelevado.

Novas beirarrúas en Paleo

Ademais destas beirarrúas, a Deputación tamén contribuirá a mellorar a seguridade viaria no núcleo de Paleo, a través dun proxecto financiado con 198.304 euros do Plan Único.

O goberno municipal solicitou os fondos do plan provincial para dotar de novas aceiras ás rúas Río da Melra, Alcalde Francisco Xavier Alvajar, Manuel Ferrol e Manuel Jesús Méndez Bua.

Tanto na rúa Río da Melra coma en Alcalde Francisco Xavier Alvajar, construiranse beirarrúas na marxe esquerda, xa que na actualidade non existen estas infraestruturas básicas. Deste modo, mellorarase a seguridade viaria creando un itinerario peonil seguro que conectará estas vías coa rúa Rosalía de Castro.

No caso de Río da Melra, tamén se renovarán as beirarrúas do marxe dereito, desde a súa intersección coa N-550. Así, a vía contará cunha calzada de entre 4 e 5 metros de ancho e aceiras de 0,90 metros, mentres que na rúa Francisco Xavier Alvajar, a zona destinada aos peóns ampliarase ata os 2 metros.

Nestas dúas rúas e tamén nas vías Manuel Ferrol e Manuel Jesús Méndez Bua acometeranse melloras co obxectivo de solucionar os problemas derivados do desgaste da capa de rodaxe, coma as gretas. Estes traballos incluirán o arranxo dos foxos e as zonas deterioradas mediante a aplicación de mestura bituminosa en quente, e a repavimentación de toda a superficie.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar