Presentación en Santiago de “El Cantar de Mio Cid”

 

El Cantar de Mio Cid é a primeira grande obra da literatura española escrita nunha lingua romance. Este cantar de xesta anónimo relata as fazañas heroicas inspiradas nos últimos anos da vida do cabaleiro castelán Rodrigo Díaz, El Campeador. Diferentes estudos de literatura e musicoloxía medieval corroboran que estes textos épicos se cantaban.

A película documental “El Cid cantado por Antoni Rossell” presentábase esta mañá na facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, nun acto promovido pola Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares. É un filme de unha hora e media de duración que recolle os episodios máis significativos desta obra.

Antoni Rossell é profesor de Filoloxía Románica e director do Instituto de Estudos Medievais da Universitat Autònoma de Barcelona. Este experto na Idade Media é ademais musicólogo, intérprete e compositor, autor de varios discos de música medieval e renacentista. Un dos seus principais proxectos é precisamente este documental. Tras anos de investigación, Rossell estableceu unha reconstrución musical de El Cantar de Mio Cid e grazas ao seu traballo podémonos facer unha idea de como era a actuación lírica e xestual dun xograr na Castela do século XIII.

Tal como explica o autor, trátase dunha “reconstrucción musical realizada a partir de repertorios litúrgicos medievales, sobre todo del Canto Gregoriano, de la tradición oral del Romancero Hispánico y de la tradición cortesana de la lírica trovadoresca”. O experto sinala que “disponemos de suficientes elementos métricos, literarios y musicológicos que nos llevan a pensar que la música de El Cantar de Mio Cid era como se muestra en este documental, aunque en la música medieval siempre trabajamos con hipótesis porque no existe una tradición oral directa. El material más cercano del que disponemos son los cantos de la liturgia gregoriana. Los manuscritos musicales que se conservan en la actualidad son precisamente manuscritos de conservación, no partituras musicales, que se hacían para que no se perdieran”.

O filme inclúe episodios rodados nuns estudios de Lyon, xunto a exteriores de lugares emblemáticos evocados no Cantar, en particular na cidade de Calatayud. Non se busca reconstruír visualmente a época medieval pero lógrase rememorar tanto ao heroe épico como á España medieval a partir de aparicións do xograr en escenarios do camiño que seguiu El Cid. O autor móstranos como na época o xograr conseguía dar vida ante o público ao texto do poema.

Colaboración con investigadores da Universidade de Santiago

Antoni Rossell xa colaborou con varios investigadores da Universidade de Santiago na grabación de dous discos con Cantigas de Santa María de Afonso X vencelladas a Galicia, no ano 2004. O repertorio centrábase naquelas cantigas que pola súa situación xeográfica, referencias á peregrinación compostelá, mención de personaxes… poderían situarse na comunidade galega. Nesta iniciativa cooperaron intérpretes de música tradicional como Mercedes Peón; xunto a escritores, intelectuais e profesores encargados de recitar os textos. Este proxecto foi dirixido por Rossell, que ademais participou coa súa voz e tocando varios instrumentos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar