“Xantar”:“A gran festa do turismo gastronómico”, afirma Baltar

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo no acto inaugural da 19ª edición do Salón Internacional do Turismo Gastronómico, que “Xantar” “é a gran festa do turismo gastronómico, que pon en valor os produtos de Ourense”, e destacou que neste encontro “únense tradición e vangarda ao redor dos alimentos, aspectos que van na liña de potenciar o “Turismo laranxa”, unha modalidade sostible de desenvolvemento cultural, económico e social que estamos a potenciar desde a Deputación de Ourense”.

O presidente do goberno provincial destacou o labor da organización de Xantar e agradeceu aos visitantes que se achegan dos ámbitos nacional e internacional a esta feira gastronómica, “amplamente consolidada e que proxecta á nosa provincia e os seus singulares produtos, unha aposta de presente e de futuro que conta co apoio da Deputación de Ourense”.

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, definiu a Xantar como “o mellor escaparate para dar a coñecer os produtos galegos” e subliñou a presenza de Portugal como país convidado nesta edición, reivindicando as sinerxias entre ámbolos dous territorios da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. No acto tamén participaron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o vicecónsul de Portugal en Galicia, Manuel Correira da Silva e o xerente de Expourense, Alejandro Rubín.

“Xantar”, que abre as súas portas desde hoxe e ata o 4 de febreiro, conta con 12 países representados e 15 restaurantes, que ofrecen 20 menús de entre 14 e 30 euros. Ademais, os visitantes terán á súa disposición máis de 200 actividades neste evento da enogastronomía e o turismo que reúne a 273 expositores de España, Portugal, Panamá, Costa Rica, México, Ecuador, Paraguai, Francia, Perú, Cuba, Arxentina e Estados Unidos. Xantar é a única feira internacional de turismo gastronómico en España.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar