A Cidade da Cultura celebrará o “Entroido Mareiro”

A Cidade da Cultura de Galicia celebra o vindeiro 12 de febreiro o seu tradicional Baile de Entroido cunha festa na que mergullarse no mundo do mar con personaxes chegados de todos os recantos dos océanos. Esta actividade estará amenizada cun espectáculo de música ao vivo a cargo de Pablo Díaz e a banda Tic, Tac, Toc e cunha sesión de Fixemberg DJ. Ademais, tanto o luns como o martes de Entroido, o Gaiás acollerá dous obradoiros infantís de fabricación de máscaras con materiais cotiás e de refugallo.

O ‘Baile de Entroido Mareiro’ terá lugar no Museo Centro Gaiás, un edificio que precisamente a moitos visitantes lles lembra á silueta dunha balea e que se erixirá como escenario de excepción para unha festa á que será obrigatorio acudir cun disfrace de temática marítima. O baile, dirixido a públicos de todas as idades a partir dos 3 anos, comezará ás 17:30 cunha sesión de música típica destas datas de carnaval a cargo de Fixemberg DJ. A festa continuará ás 18:30 co espectáculo de música ao vivo de Pablo Díaz e a banda Tic, Tac, Toc, que sen dúbida farán gozar como nunca á cativada da casa na tarde do luns de Entroido.

Obradoiros de máscaras

Este 2018 a Cidade da Cultura amplía a súa oferta de actividades de carnaval e, ao xa tradicional baile, engádense dous obradoiros de máscaras destinados a nenos e nenas de entre 9 e 11 anos. Os participantes nesta actividade partirán das máscaras do Entroido galego tradicional (pantallas, cigarróns, xenerais do Ulla ou peliqueiros), para reinterpretalas desde unha perspectiva libre creando deste xeito unha obra única e xenuína. Os rapaces e rapazas participantes deixarán vía libre á súa creatividade para fabricar a súa propia máscara, experimentando con diferentes formas e materiais e empregando obxectos cotiás e de refugallo, como teas, cartón, moqueta ou latas de refresco.

A temática do Entroido Mareiro do Gaiás tamén estará moi presente nesta actividade e tanto as ilustracións da ‘mitra’ como outros elementos accesorios das máscaras estarán relacionados co mundo do mar. Os obradoiros realizaranse en dúas quendas, o 12 e o 13 de febreiro, en horario de 10:30 a 13:30 horas e as prazas son limitadas.

 

Tanto para o Baile de Entroido como para os obradoiros, as entradas teñen un prezo de 3€ (+gastos de xestión) e xa están á venda no Museo Centro Gaiás, no web ataquilla.com, venda telefónica (902 504 500) e despachos de billetes de Ataquilla. Ademais, como todas as actividades da Cidade da Cultura, é posible acceder a diferentes descontos e ofertas, que poden consultarse en cidadedacultura.gal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar