A versión teatral de “Tristana”, na tempada de teatro de Afundación

Continúa a Tempada de Teatro de xaneiro a xuño de Afundación, a Obra Social de ABANCA. A seguinte obra dentro da programación será Tristana, a adaptación teatral da novela homónima de Benito Pérez Galdós realizada por Eduardo Galán e Sandra García e dirixida por Alberto Castrillo-Ferrer. Cun elenco conformado por Olivia Molina, Diana Palazón, Alejandro Arestegui e José Luis Ferrer, a produción poderase ver o vindeiro venres 9 de febreiro no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) ás 20.30 h.

As entradas están dispoñibles na web Ataquilla.com para todas aquelas persoas que non adquirisen un abono de tempada, que supón un aforro do 20 % con respecto ao importe das entradas soltas.

TRISTANA, DE BENITO PÉREZ GALDÓS

Tristana, a heroína de Benito Pérez Galdós, soña con estudar, traballar e ser libre nun mundo dominado polo home. Únese así á explosión de protagonistas femininas que a finais do século XIX claman pola independencia da muller. Fronte a ela, como nun triángulo imposible, o sedutor caduco don Lope e o pintor Horacio, incapaces de respectar os seus desexos de aprendizaxe e emancipación. E ao seu lado, como cómplice e confidente, a criada Saturna, a muller apegada á realidade.

Con momentos de sorrisos e momentos de dor, Tristana forma unha produción que convida ao espectador a reflexionar sobre a situación real da muller no mundo actual.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar