A dereita vai gañando

Hai catro anos que dicían que ía mudar todo e que pasou? Algúns dos que levaban toda a vida alertando contra os que seguían cánticos de sereas que desviaban o rumbo, se deixaron engaiolar e encallaron na illa da “nova política”.

Creron que o problema e a solución estaba en Madrid e que coas mobilizacións da primavera do ano 2011, non só se poñía en marcha unha Segunda Transición, capaz de renovar o “contrato social” subscrito coa Constitución de 1978, senón que todo iría a mellor.

Trabucáronse, sen que se poida aínda albiscar un arrecendo de autocrítica: a realidade é moi outra da que agoiraron.

O Estado español é o estado no que máis lles recortaron aos traballadores os salarios reais.

É o segundo país europeo, logo de Lituania, de maiores desigualdades sociais e o que alberga maiores diferenzas entre os soldos medios dos directivos e dos traballadores.

En catro anos aumentaron en 58.000 os novos ricos e 1,4 millóns os pobres.

O patrimonio do 0,4 % da poboación supón un valor do 50 % do PIB, mentres as rendas baixas caen e os 5,4 millóns de contribuíntes ingresan xa menos de 6.000 euros anuais.

Para que seguir con datos macroeconómicos, se a pobreza e a desigualdade é algo da que todos somos espectadores, cando non directamente prexudicados.

A “nova política” nin sequera foi capaz de derogar as leis máis antisociais, aínda estando o PP en minoría… E instalados nos parlamentos, rematáronse, para eles, as mobilizacións de protesta.

E a Segunda Transición en que quedou… Ven aí, pero, en vez de estar liderada polas denominadas “forzas do cambio”, está sendo imposta por unha dereita que pretende mudar para peor, institucionalizando constitucionalmente os seus avances como clase social dominante, conseguidos durante a crise, e que, pensa, que lle foron usurpados dalgunha maneira no pacto da restauración borbónica.

Uns din que lle perderon o medo á esquerda. Outros que a esquerda xa non existe.

Pero a maior regresión estana a sufrir sociedades como a galega, pola súa posición dependente e porque a “nova política” abandonou as reivindicacións nacionais, destruíu parte do tecido organizativo, dándolle carta de natureza as organizacións estatais, e propiciando a diminución da conciencia nacional ao rachar co seu discurso e coa súa práctica o que fora o discurso dominante na esquerda de Galiza, a contradición entre nacionalismo-españolismo como eixo principal, que eles situaron entre “vella-nova política”.

Como escribiu Suárez Picallo, “non se deben ensaiar cousas xa fracasadas”. A historia demostra que ningún país conseguiu a liberación nacional convencendo as esquerdas da metrópole.

Afonso Eiré e xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar