“Xantar” comeza co Encontro Internacional de Gastronomía Saudable

A secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado Morales, participou  na inauguración do 13º Encontro Internacional sobre Gastronomía Saudable e Sustentable que se celebra no marco da décimo novena edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico que dende hoxe, e durante 5 días, se celebrará en Expourense.

Na súa intervención, Dorado subliñou o apoio de distintos departamentos autonómicos a este evento internacional que ten como fío condutor á gastronomía e o seu peso na oferta turística dos destinos presentes na feira Xantar.

Durante os cinco días que dura este Encontro Internacional sobre Gastronomía Saudable e Sustentable desenvolveranse un amplo programa de actividades que inclúe conferencias de expertos, exhibicións de cociña en directo, ademais de catas comentadas e degustacións, ata sumar un total de 200 actividades.

Tanto a Consellería do Medio Rural como a de Mar contarán con dúas aulas gastronómicas para realizar obradoiros e demostracións que amosen as posibilidades culinarias dos nosos produtos. A Consellería do Medio Rural tamén patrocina o túnel do viño no que participan as cinco denominacións de orixe de viño de Galicia e presentará máis de 115 referencias da Comunidade prestando especial atención aos viños gañadores nas catas oficiais de Galicia. Canto a este sector tamén se desenvolverán os cursos sobre “defectos do viño” que impartirá a Estación Vitivinícola e Enolóxica de Galicia.

Turismo de Galicia achega un stand informativo sobre as moitas posibilidades turística que ofrece a nosa Comunidade autónoma.

Ademais, a Consellería de Sanidade organiza unha mesa redonda que baixo o título “Erros na alimentación e as súas consecuencias na saúde” analizarán cuestións relacionadas coa alimentación saudable e a seguridade alimentaria.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar