A Valedora do Pobo dalle a razón ao PP de Teo e demanda información ao Concello

A Valedora do Pobo dálle a razón aos populares teenses e insta ao Concello a que lle facilite a información solicitada. O goberno teense non cumpre nin co seu propio código de transparencia. No proceso de solicitude de información por parte do alto comisionado, o alcalde tampouco cumpriu cos prazos iniciais marcados pola institución, principal queixa do PP de Teo respecto da documentación que eles solicitan habitualmente.

A resolución da Valedora do Pobo respecto da queixa posta polo grupo municipal popular na que se denunciaban os retrasos reiterados e sistemáticos é nidia. O alto comisionado do Parlamento de Galicia recoméndalle ao Concello de Teo que facilite “a posta a disposición do concelleiro solicitante -Antonio R. Sánchez, nº 2 dos populares teenses- aquela documentación que lle permita desenvolver as funcións de control e fiscalización dos órganos de goberno local”.

Os populares teenses formularon a súa denuncia a principios do mes de novembro, motivada  polos “sistemáticos e reiterados” retrasos na entrega de información solicitada ao Concello de Teo. A Valedora do Pobo admitiu a trámite a queixa e deulle un prazo de 15 días á entidade local para responder, prazo que, tampouco cumpriu  a Alcaldía. Así llo deu a coñecer o ente ao concelleiro popular nunha misiva emitida a mediados de decembro.

O goberno local aínda non facilitou copia das facturas solicitadas 

Afondando na cuestión, os concelleiros populares solicitaran no mes de xullo información respecto dos custes da nova web e imaxe corporativa do Concello. Ante a escaseza de información facilitada na resposta, estes decidiron pedir unha ampliación da mesma en setembro requerindo copia dos presupostos solicitados, facturas e cargo á partida presupostaria.

No seu momento, o alcalde argumentou “motivos de saturación” a non disposición de toda a información. Catro meses despois o principal grupo da oposición aínda non ten a copia das facturas e demáis información solicitada.

A transparencia non é unha prioridade para o bipartito

Con estes feitos queda constatado, unha vez máis, que a transparencia non é unha prioridade para o bipartito de Mareas e PSOE de Teo. Para o voceiro popular teense “resulta indignante que haxa que recorrer á Valedora do Pobo para que o Concello facilite unha información que é da cidadanía. Esta é a auténtica transparencia dos gobernos de fiestras abertas”.
Igualmente, José Manuel Guerra pregúntase “por qué o goberno local non facilita esta información. Que ten que ocultar respecto dos custes da web do Concello ou do manual de identidade corporativa?”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar