Preguntas sen resposta

       Escoitando hai un par de días pola radio ao presidente cántabro, Revilla, redescubro un político que non fala como político, e que ao mellor resulta que non é un político ao uso. Porque político, o que se di político, hai que preguntarse se nace ou se fai… como sabe un rapaz ou unha rapaza que quere ser político?… que preparación ten que ter?… onde ten que ir estudiar? Onde ten que apuntarse… debe aprender primeiro a traballar para logo intentar gobernar, ou viceversa… son moitas preguntas para ningunha resposta, ou para un conxunto que é unha pregunta en si mesma: Como chegamos a esto?.

Porque cando o Rei chamou a Adolfo Suárez para nomealo presidente do Goberno din as crónicas que Suárez foi á Zarzuela conducindo o seu Seat 600. Tamén Revilla afirma que el conduce un modesto Peugeot, e que anda sen escolta tranquilamente, e que cobra tres mil e pico euros ao mes. Sen extraordinarias.

Todo empezou coa democracia, que se constituiron concellos, deputacións, parlamentos, Congreso e Senado. E as novas corporacións democráticas decidiron que había que cobrar polos servizos prestados, pero non se creou un escalafón debidamente regulado senón que cada institución tomou os seus acordos para resaltar a dignidade dos seus membros compensándoos con emolumentos que algúns consideran racionais e moitos fóra do normal nunha sociedade como a nosa.

O resultado é que todos os grupos políticos queren mandar, conquistar cotas de poder, conseguir subvencións para manter o funcionamento dos seus aparatos, e colocar  os seus o mellor posible para disfrutar das prebendas oficiais.

E nunca estivo máis desprestixiado o oficio do político, que resulta incompatible co oficio de empresario, de profesional distinguido, amén  de ser incompatible coa xudicatura e a milicia.

Comecei falando de Revilla, que recoñece que ás veces o tachan de populista. Posiblemente fagan falla máis políticos populistas, que fagan xestos de cara á galería, que prediquen co exemplo, que sexan austeros, que reduzan gastos, que non se enroquen en postos de empresas… A saber que é o populismo. Pero podíamos empezar por ser e parecer iguais ao pobo. Teríamos avanzado unha enormidade.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar