Gonzalo Caballero reuníuse cos traballadores pechados no Hospital de Ourense

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reuniuse cos membros da xunta de persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense que permanecen pechados dende hai seis días para protestar contra a política sanitaria da Xunta. É por iso que o líder dos socialistas galegos pediu a Feijóo que “atenda o clamor” manifestado pola cidadanía, dado que os recortes que está levando adiante causan “efectos perversos” nos galegos.

Fronte aos “avances” que se teñen experimentado durante a etapa de goberno dos socialistas, Gonzalo Caballero censurou que agora Feijóo estea “botando atrás” todas esas melloras e ese “progreso”. A modo de exemplo, recordou que actualmente o servizo de hemodinámica do CHUO só funciona unhas poucas horas ao día.

Despois de reclamar unha sanidade pública “de calidade e de proximidade”, criticou que o presidente da Xunta non aproveite a súa visita de hoxe ao Mosteiro de Oseira, na provincia ourensana, para “reunirse inmediatamente” co persoal deste hospital. “Hoxe ten unha oportunidade magnífica para rectificar as súas políticas”, selou, antes de requerirlle que non dea as costas aos afectados polas súas medidas.

Pola súa banda, a presidenta da xunta de personal do CHUO, Asunción Maus, agradeceu o apoio do líder dos socialistas galegos, quen sumou a súa sinatura ás máis de 13.000 que xa teñen recabado para frear a desaparición de camas e de servizos.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar