Falou Raxoi ou falou Zidane?

Pretenden converter o denominado “problema catalán” nunha especie de dervixe. Un enfrontamento entre a Moncloa e a Generalitat, a semellanza dos partidos do Real Madrid-Barcelona. Tanto que, escoitando o outro día a intervención de Mariano Raxoi ante a dirección do PP, pensei que non falaba el, senón que discursaba Zidane, será por iso de que a principal lectura do presidente é o diario deportivo Marca.

Xulguen vostedes senón este paragrafo: “Malia que era un artigo para non aplicarse (o 155), resulta que se aplicou e non pasou nada, porque a vida continúa”.

Non pasou nada? Cesou un Goberno lexítimo e disolveu un parlamento e non pasou nada?

Os líderes democraticamente electos están na cadea por aplicar o programa polo que os votaron os cidadáns e…, non pasou nada?

Convocan eleccións e os detidos e prófugos que as ganaron non poden representar aos seus votantes e, non pasou nada?

Converteron aos tribunais en instrumento de elaboración política, e non pasou nada? Non esquezamos que o xudicial é un poder do Estado, tanto como o Executivo ou o Lexislativo. Así que o árbitro do partido estaba comprado e…, non pasou nada?

Si que pasou… Os independentistas volveron gañar as eleccións. E non son “catro iluminados” os que en Cataluña queren outra relación co Estado. Polo pouco, son máis de dous millóns de cidadáns, e aínda podíamos amplialo a outro medio millón. Case dúas terceiras partes da poboación que está descontenta coa actual situación e…, non pasou nada?

E van seguir pasando cousas, pois a inhabilitación ou o castigo dos protagonistas políticos non solucionan as causas.

Que non levanten barricadas nas rúas non quere dicir que o malestar da maioría da cidadanía catalá non sexa máis grande ca nunca, e só a madurez dun pobo e dos seus dirixentes impiden a aparición de violencia.

Que o independentismo maioritario abandone, de momento, a vía unilateral non quere dicir que pare o procés, senón que ensaia novas fórmulas.

É certo que existe non só u­nha confrontación da maioría do pobo catalán co Estado, senón tamén unha disputa interna na propia sociedade catalá. U­nha loita de clases. Pero non esa loita que proclaman algúns entre burguesía e traballadores, ou entre “catalanistas e charnegos”. Non, a disputa é entre o capital español, que formou parte do franquismo e configurou o Estado aparecido no 1978 coa restauración monárquica, e os que queren unha nova Cataluña e un novo Estado.

Non esquezamos que Ciudadáns foi auspiciado polo capital español en Cataluña, polas eléctricas e a grande banca.

Raxoi, coma Zidane, non se decata que xa perdeu a Liga. Mellor que dixera como Iglesias Corral: “Pasou o que pasou”.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar