En terra e tempo bretemoso dos suevos

Ourense ben vale unha e máis visitas. Auria, que non mexeriqueira Vetusta, é cerna da Xeración Nós, dos Artistiñas, de literatos, músicos, modistas… onde atopar o espírito de Galiza, mellor neste inverno do 2018, cando se abren portas á mostra In tempore sueborum...

Na Galiza, e de xeito especial en Ourense, sempre quedou algo prendido dos suevos, non podía ser pra menos na cidade que ten como padroeiro, trata de tú e celebra en Magostos a Martiño de Tours, onde abrindo á Ponte sobre o Miño ofrece fonte milagreira e santuario dos Remedios. Terra da chispa da que procede Cesáreo González que deu nome á produtora Suevia Films… sen faltar no barrio de A esmorga, a Suevia, algo máis que unha taberna… Suevos da Galiza, sendo a provincia da Coruña a que máis parroquias tal topónimo: baixo a advocación de Santa María, en Ames e Mazaricos; de San Mamede na Baña… e como non, Suevos de Arteixo con templo ao Santo Martiño… Sen faltar o apelido Suevos, con escudo que ten como armas castelo de ouro. Pese á campante desmemoria tampouco faltou entre a emigración bonaerense, nin en Compostela, unha revista progresista con nome de “Suevia”, páxinas de carácter modernista.

Ao tratar dos suevos lembramos ao historiador Manuel Chamoso Lamas, preocupado pola cristianización de Galiza, por canto xira arredor de Compostela, Iría, Tins, Moraime, Augas Santas… Sen esquecer a Casimiro Torres Rodriguez, especialista na biografía do bispo dos, límicos Orosio, do aleman Wilhelm Reinhart. Punto de partida revisado por medievalistas como Anselmo López Carrera. Compre adondar nas raiceiras da organización política e relixiosa dos suevos (411- 585), historia sepultada e deturpado por intereses do imperio.

A mostra ourensán repártese en tres espazos, dos tres poderes e baixo tres epígrafes: “Deconstruindo aos bárbaros” (no Marcos Valcarcel, da Deputación); “Cristianización e Territorio na Gallaecia en época Sueva” (Santa María Nai) e “Convivindo cos Suevos na Gallaecia” (Museo Municipal).

Roma, embigo do mundo, contraditoriamente acompañaba a Pax Romana coa expansión dos “limes” ou fronteiras, conquista e escravización dos “outros”, bárbaros celtas e xermanos, entre outros pobos máis ao oriente, até a corrupción dos delegados, coa conseguinte desmoralización e fendas entre as tropas. E así se fala de “invasións bárbaras”. Os dicionarios refírense aos bárbaros con connotacións negativas, cruel, inculto, inferiores, pese a ser os imperialistas romanos os encirrantes belicosos, buscadores de minas, negociantes de escravos, de mercenarios e prostitutas… Pobos bárbaros que dende o século V esténdense por Europa. Pese a todo estrategos militares que fenderon co imperio de Roma… Bárbaros antes dos bárbaros foron considerados os antirromanos, Espartaco, Viriato, a britana Boudica, Aníbal, como Arminio, Fritigerno… No século II, Tácito, en Xermania, referíase ás singularidades dese pobo, por algo libro recomendado no III Reich. Entre os xermanos, a tribo dos suevos, das ribeiras do Danubio, xa era coñecida por Xulio César na guerra das Galias, cando o suevo Ariovisto se atreve a pasar o “limes”… No século II Marco Aurelio acomételle e as relacións de paz-guerra foron unha constante, incidindo na aculturación ou romanización dos xermanos.

Mentres Roma se entretén nas diferenzas dos césares descendentes de Constantino e ante as desatendidas proposta de desprazamento pacífico dos xermanos, a río revolto, o ano 376 faise propicio ás ansias migratorias dos godos, entre estes os tervinxios, con delegación romana en Treverís, gran urbe en relación cos galos e coa Gallaecia, merecente de maiores estudios… o seu caudillo Fritigerno aguilloa ao éxodo, bótase á intemperie e seguen o Danubio abaixo, á inversa das migracións de hoxe. Non faltaron os que aproveitaron a situación, o estraperleo e as mafias. Obrígaselle á entrega de armas, a acollerse ao cristianismo, e faránno dende a versión alexandrina, arriana, que nega a Trindade. No camiño, ameaza a fame e, pese ás propostas pacíficas, acontece o saqueo e as liortas… O imperio romano de Oriente acrecenta a crise, até que que, no 379, se nomea emperador a un mercenario curtido na guerra de Britannia e que algúns relacionan coa Gallaecia, Teodosio. Anos nos que a Gallaecia se relaciona co Mediterráneo oriental, velaí as aventuras de Exeria, Hidacio, Orosio, Prisciliano, as testemuños arqueolóxicos. O novo emperador pactará cos godos, foedus de colaboración (382) outorgándolle terras nas ribeiras do Danubio. Os problemas seguen cos sucesores de Teodosio: pola banda occidental do imperio esparéxense caudillos máis violentos, como Alarico, autoprolamado rei dos godos, que negocia cargos con Roma. Na noite vella do 406, suevos, vándalos e alanos furan pola Galia cara á península ibérica. Por outra banda, no 450, Atila, caudillo dos hunos esixe a Valentiano a man da súa irmán e como dote a metade do imperio…

No 410 constátase a presenza sueva na provincia romana da Gallaecia, que abrangue territorio de cántabros, astures, Braga e até o Douro. O romanizado bispo dos límicos Hidacio ofrécenos crónicas que deberan estar máis presentes na historiografía de Galiza. Tamén o fai outro galaico aristocrático, igualmente formado nas doutrinas de oriente, Paulo Orosio, autor dunha interesante Historia dos pagáns, como tamén o fará Isidoro de Sevilla, as referencias do Cronicón Iriense, as do poeta Venancio Fortunato ou as de Gregorio de Tours, quen se refire á chegada a Galicia do panonio Martiño de Dume, portador das reliquias do seu paisano Martiño de Tours, ao que acoden os suevos coas ansias dun milagre que erradique a peste do seu territorio, Ariamiro bautizarase co nome de Teodomiro. O que a tradición di aconteceu nas fontes milagreiras das ribeiras do Miño, erixindo un templo en honra do santo, caracterizado por unha parra de vide na entrada… e que a tradición di no lugar de Santa María Nai. Dende o 556, organízanse concilios, o reino adminístrase entre as sedes de Lucus, Brácara e Astúrica e trece dioceses: Iria, Lugo, Ourense, Tui, Astorga, Braga, Porto, Idanha, Viseu, Lamego, Coimbra e Dume, tendo esta anexo o mosteiro de orixe bretón Mindoniense. Trámase así o Parrochiale Suevorum, profésase o cristianismo oficial de carácter bizantino e consolídase o feudalismo. Suponse un pacto, foedus de colaboración militar con Roma, sendo o seu rei Hemérico quen asume as funcións públicas do Estado romano, repartindo entre eles terras e emiten moeda. Feito que provoca celos e fragmentación entre a aristocracia autóctona, romanizada, intervindo Roma e mesmo os aliados de ambos, os visigodos, descendentes dos tervinxios, saqueadores de Roma, asentados do mesmo xeito e con capital en Toledo. Suman as confrontacións cos seus adversarios, os vándalos, vencendo os suevos que ocuparan as pretendidas terras da Lusitania e da mesma Bética, chegando a fronteira sueva até o Teixo. Non faltan os choque as ramas heréticas do cristianismo, vagaudas, priscilianistas, arrianos…

No 456 os suevos de Requiario son derrotados no Órbigo polo visigodo Teodorico, Astorga é saqueada… Entre os vencedores, Recimiro, de orixe sueva, será o representante imperial. Os celos levan á rebelión dos romanos de Lugo e a súa matanza no 460.

Ao fin do século VI as liortas por dominar a península fan que o reino suevo quede integrado na monarquía visigoda, conservando a estrutura até o século VII en que perde as dioceses portuguesas.

Os vestixios dese tempo expresan o debate territorial e relixioso entre un imperio romano bizantino e a cultura xermana danubiana, sempre tinxido de orientalismo. Moito queda aínda pra asentar as bases históricas da Gallaecia, sobre todo cando a Historia escríbena os vencedores.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar