TVG: Marga e Diego investigan catro mortes nunha casa rural en “Serramoura”

Un novo caso chega hoxe a “Serramoura”. Nesta ocasión, catro persoas apareceron mortas nunha habitación dunha casa de turismo rural. Tras as primeiras comprobacións, todo parece indicar que se trata dun caso de intoxicación por monóxido de carbono, pero a escena axiña revelará que se trata dun asasinato múltiple. Así pois, os axentes do tenente Penedo teñen un novo crime que investigar.

Mentres, na casa de Quique e Sabela as cousas complícanse. O axente da Garda Civil está moi desgustado coa actitude da súa noiva, que foi capaz de mentirlle para librar a Román dun posible delito de tráfico de estupefacientes. O que descoñece Quique é por que a súa parella actuou así, pero Román encargarase de que non tarde moito en sabelo.

Nun intento de facer as paces coa súa noiva e limar asperezas co seu eterno rival en Serramoura, Quique compartirá con Román e Sabela unha cea de amigos na súa propia casa. Pero quizais as intencións do pequeno dos Fiúza non sexan tan boas coma as súas.

Mentres tanto, os negocios de Evaristo sofren un novo revés. A última hora, o grande acordo pechado nun hotel da Coruña horas antes parece estar en perigo. A Evaristo non lle quedará máis remedio que organizar un novo encontro cos empresarios para intentar aclarar o ocorrido e levar o seu proxecto a bo porto.

Pero no seu regreso á cidade descubrirá algo inquietante: a muller coa que pasou a noite anterior non é Ana Saavedra, a axente de seguros, como el pensaba. En realidade, traballa para unha multinacional madeireira disposta a facerse co negocio en Serramoura.

GRANDES LUGARES

O equipo de “Grandes Lugares” visitará hoxe as parroquias de Esteiro, no concello de Muros; O Aparral, no concello das Pontes, e Valeixe, no concello da Cañiza.

A primeira parada é na parroquia de Esteiro, no concello coruñés de Muros. Esta é ribeira de salitre, pero tamén terra de gando. Os exemplares para a degustación da Festa da Cachena críanse nos montes comunais. Pero se por algo ten fama Esteiro é polas súas carrilanas. Darase a coñecer A Esteirana SD, unha auténtica institución. Tras case 50 anos de vida, é máis ca unha canteira de talentos. Nesta terra mariñeira hai oco, por suposto, para o baile, para o canto e máis para a música tradicional. Os espectadores escoitarán os grupos Agrocovo e Xeitura.

No Aparral, no concello coruñés das Pontes, coidan do seu patrimonio e das súas tradicións, do seu corpo e da súa mente. Realizan rutas e terapias antiestrés subidos a cabalo. Na parroquia do Aparral todos os veciños teñen hortiña. Os reporteiros acompañarán a Cynthia á súa, que seica é especial.

Finalmente, o programa coñecerá na Cañiza a parroquia de Valeixe, terra de muíños e de viño. É unha localidade con moita historia, xa que foi capital do concello e está incluído na Denominación de Orixe Rías Baixas. Proba da súa importancia no pasado son as súas sete capelas e as súas casas señoriais. É territorio de xoias recuperadas, de boa uva e tamén de boa fariña. Con ela elaboran os veciños deste gran lugar un doce ben galego: a bica. Este é un territorio de artistas e tamén olímpico, posto que cada ano se celebra unha importante competición con actividades ben curiosas e orixinais.

VIVAN AS TARDES!

O espazo “Vivan as Tardes!” recibirá hoxe a visita de Justo e Mari Mar para contar os segredos da vida do circo. Procedentes do País Vasco, están de xira por Galicia, son a alma do Gran Circo Holiday e veñen cos seus tres fillos, que xa seguen os seus pasos.

Desde Ferrol chegará Rosa, unha muller con garbo e señorío que se apoia na súa amiga Carolina, coa que comparte viaxes e confidencias.

No estudio de “Vivan as Tardes!” tamén haberá fermosas fragrancias con Alejandro, un emprendedor compostelán que se volveu inventar despois de quedar sen traballo. O programa contará tamén coa presenza de Jesús, que vén desde Os Tilos e, aínda que acaba de xubilarse, non para quieto.

GALICIA VIVA

O espazo “Galicia Viva estará hoxe en directo nos preparativos do San Brais na parroquia de San Salvador de Budiño e nunha sesión da rodaxe de “Krakatoa”, a primeira película feita por nenos.

O programa da TVG tamén estará no Entroido de Entrimo, que pretende conservar as peculiaridades das máscaras tradicionais da zona, as madamitas e os madamitos.

E para os amantes do deporte, “Galicia Viva” terá clases de hipopresivos, exercicios con que, a través da postura e da respiración, se pode aumentar o ton muscular na faixa abdominal e fortalecer a pelve.

A REVISTA

Hoxe os espectadores de “A Revista” coñecerán o segredo para curar a resaca. Chámase Refix e é a primeira bebida isotónica elaborada cunha mestura entre auga de mar da Costa da Morte, auga dun manancial de auga doce de Lugo, zume de limóns frescos e estevia natural. Os reporteiros estarán en Camelle para ver de preto como se extrae e se realiza esta bebida sanadora. O equipo do programa tamén estará na Estrada para coñecer un proxecto innovador con cabalos salvaxes aos que lles poñen unha cámara para conseguir imaxes que sirvan para a redución de lumes ou danos do cultivo.

De volta ao estudio de gravación, Sevi Martínez recibirá a visita de Carina Regueiro, autora do libro “Estrelas da despensa galega”, onde somete a un repaso os mellores produtos da nosa gastronomía e descobre que o tradicional é un mundo máis dinámico do que se pode imaxinar. No magazine tamén estarán a xornalista Alba Mancebo, repasando as noticias máis vistas das redes sociais e a web da CRTVG, e a fotógrafa e deseñadora Teresa Abalde, comentando a crónica social.

tvG2

ZIGZAG

Marta Pazos e Fernando Epelde, da compañía Voadora, falarán esta tarde en “Zigzag” da montaxe “Garage”, que presentan na Feira de Escenas do Cambio que comeza este xoves na Cidade da Cultura. Trátase dunha investigación poética sobre o cambio de rol da figura da muller no marco socioeconómico europeo. Este espectáculo de participación ten como protagonistas intérpretes non profesionais vinculadas á industria automobilística.

Ademais, Pablo Fidalgo, director artístico de Escenas do Cambio, falará da edición deste ano do Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción, con 13 espectáculos de compañías procedentes de cinco países.

Na súa sección “Fondos Reservados”, Moncho Lemos contará coa presenza do pianista e compositor Nani García, autor de numerosas bandas sonoras para teatro, cine e televisión, que presenta o novo disco “Cinematojazzía”. Neste traballo recupera composicións súas para os terreos da improvisación jazzística. Ademais, está de actualidade porque a súa música forma parte da película chilena “Unha muller fantástica”, candidata ao Oscar á mellor película estranxeira.

Mércores, 31.01.2018

CINEMA DE NOITE

MISS AXENTE ESPECIAL”

(“Miss Congenialitty”)

Director: Donald Petrie

Elenco: Sandra Bullock, Lacie Lou Freebush, Michael Caine, Benjamin Bratt, Candice Bergen

EUA, 2000, 101’, Comedia-Acción (T)

**SINOPSE**

Hart, unha axente do FBI de modais pouco femininos, é elixida para presentarse a Miss Estados Unidos co obxectivo de intentar descubrir un criminal que ameaza con atentar contra o concurso. Pero antes deberá realizar algúns cambios, tanto no físico coma no xeito de se comportar.

MINUTADO do 31/01/2018 da Televisión de Galicia

08:00

BOS DÍAS

Presentan Ana Pérez e Francisco L. Iglesias, coa información deportiva a cargo de Terio Carrera. Hoxe, asiste á sección da Entrevista Ethel Mª Vázquez Mourelle, conselleira de Infraestruturas e Vivenda. No Faladoiro intervirán os xornalistas Luís Pérez e Julián Rodríguez, a profesora María Bastida e o avogado Xoán Antón Pérez Lema.

11:00

A COCIÑA DE ANDRÉ “Filetes rusos recheos de queixo”

Un espazo diario de gastronomía presentado polo chef André, que propón en cada intervención receitas doadas de realizar, que sorprenderán polo seu sabor e atractivo.

11:30

O FARO Cap. 346

Diralle que queren deixar de atender a Samáns por diferenzas persoais con Ricardo Iglesias. O que Fina non sabe é que Ricardo e o dono da lavandería son a mesma persoa. Eva pídelle a Ricardo que non desvele as súas cartas polas consecuencias que isto terá para ela, pero Ricardo está farto de engañar e ocultarse.

12:25

A REVISTA

Presenta Sevi Martínez. Inclúe “Adiantos Informativos”.

13:45

CADA DÍA UN LIBRO

Microespazo divulgativo en que cada día se lle recomenda un libro ao espectador.

13:50

GALICIA NOTICIAS MAÑÁ

Presenta Marga Pazos.

14:25

TELEXORNAL MEDIODÍA

Presenta Marta Darriba. Carlos Macía encárgase da información deportiva.

15:30

ZIGZAG – ONDE IR HOXE

Axenda cultural galega

15:35

O TEMPO

15:50

COMA UN ALLO

Presentado por Bernardo Montaña, este programa está baseado na dinámica de preguntas e respostas. Conta co asesoramento de dous expertos colaboradores: a escritora María Canosa e o científico e divulgador Jorge Mira.

16:20

TI VERÁS

Concurso presentado por Rodrigo Vázquez en que cada día unha parella de concursantes opta a gañar un premio de ata 50.000 euros.

17:15

VIVAN AS TARDES!

Espazo familiar de entrevistas e entretemento conducido por Pili Pampín e Yolanda Vázquez, que conta coa colaboración de Quique Morales e Alicia Lombán nas distintas seccións do programa. O espazo “Vivan as Tardes!” recibirá hoxe a visita de Justo e Mari Mar para contar os segredos da vida do circo. Procedentes do País Vasco, están de xira por Galicia, son a alma do Gran Circo Holiday e veñen cos seus tres fillos, que xa seguen os seus pasos.

18:55

GALICIA VIVA

Espazo de actualidade, con variadas conexións en directo, presentado por Susana López. Hoxe estará, en directo, no entroido de Entrimo e na rodaxe de “Krakatoa”, a primeira película feita por nenos.

20:20

INFORMACIÓNS ESTADO DO MAR SERÁN

20:25

DESCONEXIÓN SERAN

20:30

TELEXORNAL SERÁN

Presentan Alfonso Hermida e Tati Moyano. Miguel Gallego encárgase da información deportiva.

21:45

O TEMPO

21:55

AVANCE SERIES G

22:05

SERRAMOURA “A porta está aberta”

Serie. Thriller rural, que conta a historia dunha pequena e tranquila vila do interior, levará os espectadores por algunhas das paraxes forestais máis belas e tamén máis misteriosas de Galicia. Un novo caso chega esta semana a “Serramoura”. Nesta ocasión, catro persoas apareceron mortas nunha habitación dunha casa de turismo rural. Tras as primeiras comprobacións, todo parece indicar que se trata dun caso de intoxicación por monóxido de carbono, pero a escena axiña revelará que se trata dun asasinato múltiple. Así pois, os axentes do tenente Penedo teñen un novo crime que investigar.

23:15

GRANDES LUGARES “Valeixe (A Cañiza – Pontevedra) – Esteiro (Muros – A Coruña)- O Aparral (As Pontes – A Coruña)”

Un docusoap de entretemento que pretende amosar, desde un punto de vista optimista e particular, a historia afectiva e social de dúas poboacións galegas con moito para contar. O equipo de “Grandes Lugares” visitará hoxe as parroquias de Esteiro, no concello de Muros; O Aparral, no concello das Pontes, e Valeixe, na Cañiza.

00:15

CINEMA: “MISS AXENTE ESPECIAL”

(“Miss Congenialitty”), de Donald Petrie, con Sandra Bullock, Lacie Lou Freebush, Michael Caine, Benjamin Bratt, Candice Bergen. EUA, 2000, 101’, Comedia-Acción (T). Hart, unha axente do FBI de modais pouco femininos, é elixida para presentarse a Miss Estados Unidos co obxectivo de intentar descubrir un criminal que ameaza con atentar contra o concurso. Pero antes deberá realizar algúns cambios, tanto no físico coma no xeito de se comportar da axente.

02:00

TELEXORNAL NOITE

02:05

O TEMPO

02:10

VIVAN AS TARDES! (Rep.)

03:45

GALICIA VIVA (Rep.)

05:00

NOITE DE JAZZ

Uns minutos de jazz para gozar na Galega.

05:30

SONS NA NOITE

Pezas mestras da música clásica universal.

05:50

NOITE DE JAZZ

Uns minutos de jazz para gozar na Galega.

06:20

A REVISTA (Rep.)

07:30

ZIGZAG

Programa que lles achega aos espectadores galegos toda a actualidade cultural. Presenta Pilar G. Rego.

07:55

INFORMACIÓN ESTADO DO MAR MAÑÁ

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar