Acordo entre a UIMP e a Deputación de Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co director da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) en Galicia, Jaime Rodríguez-Arana, con quen analizou a posibilidade de que esta prestixiosa institución académica desenvolva na provincia de Ourense actividades formativas en colaboración coa Deputación de Ourense.

Neste sentido, acordaron determinar en próximas datas os temas de interese para a provincia de Ourense, enmarcados no ámbito formativo que desenvolve a “Menéndez Pelayo”, para levar a cabo na capital e nalgún concello do territorio provincial, accións formativas relacionadas co medio ambiente e coa función pública, e un seminario que aborde os 40 anos da Constitución, para poñer de relevo a Carta Magna, “procurando desta maneira que Ourense teña un destacado protagonismo no ámbito académico-formativo nas actividades da UIMP e posicionar á nosa provincia tamén no eido da formación”, afirma Manuel Baltar, destacando a “aposta importante pola formación, unha área á que xa se lle presta especial interese na Deputación de Ourense polo que respecta á formación do persoal funcionario e laboral da administración local da provincia de Ourense”.

Jaime Rodríguez-Arana Muñoz, quen foi primeiro director da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e tamén director xeral do Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), agradeceu a colaboración que se plantexa entre UIMP e Deputación de Ourense, unha relación que xa se iniciou o pasado ano coa participación como relator de Manuel Baltar no curso de verán no que se analizou o papel dos gobernos locais intermedios. Neste seminario, o presidente provincial defendeu “a solidariedade e igualdade territorial de España, coas deputacións como claves para a cooperación e o desenvolvemento local”, subliñando que os gobernos locais intermedios “son unha realidade plenamente asentada en Europa, con maiores competencias e con elección directa, e o seu papel é fundamental polo compromiso e acción de xestión, goberno aberto, cooperación e transparencia cos cidadáns e cos concellos”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar