700 agricultores e gandeiros recibiron axudas para mellorar as explotacións

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución da Consellería do Medio Rural das axudas concedidas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, coñecidas como plans de mellora. En total foron 692 os beneficiarios desta liña de achegas, por un montante total de 40 millóns de euros, datos que poñen de manifesto a intención de apostar e modernizar o agro galego.

Estas subvencións, que están cofinanciadas nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, teñen como obxectivo mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas para avanzar na consecución dun adecuado dimensionamento e un correcto equilibrio dos factores de produción das granxas agrarias.

Se analizamos os expedientes, os sectores máis destacados seguen a ser os de vacún de leite e de carne, que representan o 42% e 28% das resolucións aprobadas, respectivamente, seguidos do avícola e o porcino. A axuda media por expediente ascendeu a uns 57.700 euros, subvencionando así o 40% dos custes elixibles, incrementándose nalgúns casos ata un máximo do 60%.

Nesta convocatoria déuselle prioridade ás explotacións que, entre outras características, incorporaran ou tiveran incorporado nos 5 últimos anos un agricultor mozo, as que crearan novas unidades de traballo agrario, as que presentaran solicitude de axuda para proxectos innovadores ou integrados, as que tiveran a condición de explotación prioritaria, as explotacións de montaña e ecolóxicas e ás de titularidade compartida.

Estas axudas forman parte da orde que inclúe tamén as de incorporación de mozos á actividade agraria e as de desenvolvemento de pequenas explotacións. Entre as tres liñas aprobáronse un total de 1.312 expedientes por valor de 57,2 millóns de euros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar