“Nadal en Rede” pecha a sexta edicion en máis de corenta concellos

O programa de dinamización lingüística ‘Nadal en Rede’ pechou esta semana a que foi a súa sexta edición logo de levar o mellor lecer na nosa lingua a máis de 40 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta. Os Bolechas, Inácio Vilariño de Fantoches Baj, Uxía e Sérgio Tannus, María do Ceo e mais Senén Vaamonde acompañado de de Alfredo e Manuel da Roda foron os encargados de percorrer a xeografía galega con paradas en 41 localidades.

O programa ‘Nadal en Rede’ naceu hai seis anos cun obxectivo claro: proporcionar espazos para o lecer en familia e en galego. A música, os monicreques ou o teatro foron parte fundamental dunhas actividades avaladas polo destacado perfil dos profesionais que participan nelas. Desde a secretaría xeral trabállase para que, a través da RDL, os espectáculos saian dos lugares máis habituais (cidades e vilas grandes) e cheguen tamén ás diferentes comarcas do país.

Os Bolechas. Un conto de Nadal

Os Bolechas son de seguro os personaxes máis célebres entre a rapazada galega. Un ano máis tomaron parte no ‘Nadal en Rede’, desta vez coa proposta Un conto de Nadal, unha peza teatral con actores e cos muppets da Televisión de Galicia. A historia xiraba en torno a unha brincadeira que lle fan Kofi e Sarela aos Bolechas sobre a desaparición dun camelo cargado de xoguetes que porá en perigo a noite de Reis, a máis máxica do ano para a cativada. Coa actividade percorreron os concellos de Vilalba, Xinzo, Poio, Ames, Muros, Viveiro, O Carballiño e Sarria.

Desde Bolanda Edicións, empresa que xestiona as actividades dos Bolechas, subliñan que propostas como as do ‘Nadal en Rede’ son de grande importancia xa que “ permite ofrecer espectáculos de gran calidade de xeito gratuíto ás nenas e nenos de toda Galicia”. A respecto da proposta Un conto de Nadal lembran, tamén, que en practicamente todos os espectáculos se esgotaron as entradas.

O castiñeiro do Apalpador

Na programación de Nadal non podía faltar o carboeiro máis célebre do Nadal galego. Así Fantoches Baj foron os encargados de poñer en escena a peza de monicreques O castiñeiro do Apalpador, unha obra dirixida a público de máis de 3 anos na que o propio Apalpador lle contou ao público asistente por que reparte castañas entre os nenos e nenas durante o Nadal. Despois de pasar polos concellos do Val do Dubra, Pontedeume, Guitiriz, Ferrol, O Rosal, San Cristovo de Cea, Toén, Cambados e O Bolo, Inácio Vilariño (alma máter de Fantoches Baj) sinalou a importancia de achegar a tradición do Apalpador ás familias e como ano a ano esta se vai consolidando.

Nadal Novoneyra

A irrepetible voz de Uxía e a poesía de Uxío Novoneyra xuntáronse nunha actividade que levou por nome ‘Nadal Novoneyra’, un concerto no que a coñecida cantante interpretou os textos do poeta do Courel acompañada polo músico Sérgio Tannus. A cantora lembraba a importancia dun espectáculo que “nos permitiu a proximidade co público e unha intimidade co poeta do Courel, Uxío. Como se el presidise cada encontro. Invocamos a chuvia coas mans, tocamos todas e todos percusións e sentimos perto os soutos, a casa do poeta, o Courel todo en Cospeito, Neda, Burela, Brión e Coristanco. Unha experiencia ben fermosa no Nadal.”

Picariño

Polas localidades de Fene, Muxía, Rois, Barreiros, Carballedo, Cuntis, Gondomar, A Lama, Vilaboa, Maside e A Bola pasou a actividade Picariño: un concerto didáctico que chegou da man de Senén Vaamonde e de Alfredo e Manuel, músicos da formación A Roda. Eles levaron panxoliñas e outros poemas de Pura e Dora Vázquez.

O propio Senén Vaamonde explicaba que a experiencia foi moi positiva “é incrible que pronto se rompe o xeo e como a xente miúda e a que non é tanto participa da actividade”. A este respecto lembra a actividade de Muxía onde, a pesar dun forte temporal, acudiron máis de sesenta persoas ao concerto.

Cancións para nenas e nenos

Outra cantante mítica, a galega e portuguesa Maria do Ceo, participou tamén no ‘Nadal en Rede’ co concerto Cancións para nenas e nenos, no que interpretou os temas do seu primeiro traballo, homónimo, de música infantil. Este incluíu un tema dedicado á Galiña azul de Carlos Casares, co que estivo en Ribeira, Cerceda, Castro de Rei e Tui.

Era a miña primeira vez neste programa e a experiencia foi marabillosa. Foron momentos moi emocionantes nos que demostramos que a música non entende de idades e que pode conectar perfectamente a pais, avós e netos”, afirma Maria do Ceo ao respecto do seu paso polo ‘Nadal en Rede’.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar