Altares, rituais e sacrificios na antiga Gallaecia

Nunca gustou a soidade e e os terrestres procuran a amizade dos celestes, dos deuses e dos santos, así créanse motivos de peregrinación, lugares co seu genius loci propicios para o encontro, para a asemblea, santuarios arredor dun esperado milagre. E neles a celebración, as liturxias, insólitos ritos que expresan a necesidade de manter o equilibrio da comunidade. Cada gens, composta por grupos familiares coas súas deidades e adoracións, algunhas locais, outras da tribo ou do populi, tamén as importadas. Prácticas que perduran dalgún xeito, sabémolo ben na Galiza dos santuarios, baixo deles unha máis longa historia e prehistoria. Encontros que reunían á plebe coas xerarquías, onde mesmo se tomaban decisións transcendentes, matrimonio, lexislativas, liderado… onde sabemos polos galos que os druídas tiñan un patriarcal papel. Custará separar a relixión da política.

Tendemos a asociar os restos, as reliquias do pasado coa morte, cos sacrificios, cos tesouros… cousa dos “mouros”, verba que máis que cos mouros, morenos, musulmáns está en relación co verbo “moneo” que é memorar, os que nos fan enxergar. Rico repertorio popular de contos de mouros arredor de altares, de singulares lugares onde buscar esperanzas e ofrecer posibilidades que mesmo chegan ao sacrificio do que se quere.

Sacrificios con motivo dunha inauguración, para purificar, suplicar bendición, protección, abundancia, vitoria, sorte sobre eses “outros” que son os inimigos… Dende a sinxela e común ofrenda de viño e pan, ás máis complexas, quizais de preparación bélica, sacrificios que requirían vítimas animais. Abundan as testemuñas que, en relación coas guerras, levan ao sacrificio, non so de bestas, especialmente do cabalo, senón tamén con vítimas humanas. O asunto está documentado por inscricións rupestres, como as da área bracarense das Panoias (Vila Real), Lamas de Moledo, Cabeço de Fráguas en Guarda, Marecos en Penafiel… tamén polos textos dos cronistas grecolatinos ou polos obxectos rituais atopados.

Entre outros a arqueóloga portuguesa Maria Joâo Santos ten traballado o tema e demostra a filiación indoeuropea na dinámica relixiosa do extremo occidente da Hispania Romana. Compáranse documentos antigos indoarios, esto é védicos ou hindús, do 1500 ao 500 a.C. cos grecolatinos que son os que nos atinxen pra atopar relacións que nos levan a esa controvertida pervivencia cultural denominada “celta”. Tradición indoeuropea patentes en liturxias cerimoniais sacrificais, como os Sautramani vedicos e a Suevetaurilia romana, expresada esta no altar da Ara Pacis romana para celebrar a vitoria de Cesar en Iberia e nas Galias.

Unha das varias fórmulas de cerimonia dos Sautramani védicos dirixíase en honra de Indra Sautraman, o “bo protector”: comezaba ofrecendo sobre o altar tres cuncas de leite e outras tantas dun licor embriagador, de seguido sacrificaban un castrón, un carneiro e un touro, pra rematar consagrando tres tortas doces a tres divindades. Comparando a Souvetaurilia romana, dedicada a Marte, vai precedida por unha libación de viño en honra de Xano e de Xúpiter, seguida do sacrifico dun porco, un carneiro e un touro. Nos ritos dos sacrificios gregos, os trittyes, inmolaban un porco, un carneiro e finalmente un touro. Algúns epígrafes certifican esta secuencia e deidade á que se dedican. Os colgantes fundidos en bronce como o Machado de Cariño, no Museo Arqueolóxico da Coruña, igual o de Lalín en Pontevedra e os varios semellantes aparecidos no norte de Portugal, en Castelo de Moreira, entre outros asociados coa cultura castrexa, son pezas rituais nas que se representan o touro ou un bóvido, asociado á machada, ao torques, a unha pátera ou a un caldeiro… O compoñente máxico e adiviñatorio acouga nestes rituais.

Ritos seguidos por moitos pobos, escitas,escandinavos, galos e en toda a península. Entre os celtíberos abondan as probas destas prácticas, do taurobolio ou sacrificio do touro, a xulgar tamén polos restos óseos que aparecen en santuarios, si ben con dificultades para recoñecer cal era a referida secuencia do ritual, como o nome das divindades ás que vai dirixido.

Os sacrificios con vítimas humanas están confirmados no occidente ibérico por textos de Tito Livio, de Plutarco e de Estrabón. Tito Livio fálanos da masacre de lusitanos practicada, no Sc. III aC, por orden do belicoso cónsul Sempronio Galba, quen as xustifica en base ás prácticas de sacrificios de homes e cabalos que estes pobos tiñan como rito de preparación bélica. Do mesmo xeito refírese Plutarco aos bletonenses (área de Salamanca). Estrabón, quen seguramente coñeceu ou recibiu máis información sobre estes confíns, esténdese no que respecta a lusitanos e galaicos “que ofrecen sacrificios e observan as entrañas, sen extirpalas, así como as veas do peito, palpándoas e adiviñando. Agoiran polas entrañas dos prisioneiros de guerra, cubertos co “sagoi” e cando o “hieroskopoi” (machado ritual) bate nos órganos vitais da vítima, predicen polo xeito de como cae o corpo. Aos prisioneiros córtanlle a man dereita e ofrécena aos seus deuses…”. Referíndose aos montañeses di que “sacrifican a Ares castróns, prisioneiros e cabalos e que mesmo practican hecatombes ao xeito grego, como di Píndaro, inmolando todo un cento…”. No mundo védico, indoeuropeo, o devandito sacrificio de cabalos estaba rodeado dunha liturxia de carácter sexual na que participaban as esposas e as servas do monarca. Os romanos no tempo dos idus de outubro practicaban o sacrificio dun cabalo en honra de Marte. O cabalo é símbolo e complemento da guerra; os xermanos consideraban aos cabalos como mensaxeiros dos deuses, os brancos eran máis cotizados, e desas tradicións indoeuropeas herdase a esvástica, asociada co cabalo solar.

Os santuarios para os sacrificios son lugares singulares, a ceo aberto, a ritmo co tempo do calendario ritual, cando os equinoccios e os solsticios, espazos aínda con moito por ofrecer dentro da arqueoastronomía: outeiros, altares pedregosos nos que se aproveitan os “lacus”, esas pozas labradas pola erosión, exemplar en terras trasmontanas de Vila Real é o santuario rupestre das Panoias, dedicado a Serapis, con epígrafes en grego e latín sobre estas practicas e con “lacus” rectangulares, circulares labrados sobre as penedas, así como cas pegadas dos peches dos diferentes recintos… O santuario do Facho de Donón coas aras en ofrenda de Vero Breo… Non dubidamos en que estas prácticas tiveron como escenario o Pico Sagro, o Monte de San Trocado sobre o castro de San Cibrán das Las, Santiaguiño do Monte, San Guillermo de Fisterra, Lobeira, Mougás, a Pedra da Ra no Vilar de Ribeira, as Cazallas de Melide, a Clamadoira de Bande, o Coto de Novelle, Pena Corneira, a Picaraña, o Pindo, as Penas de Rodas… entre tanto lugares sobre os que o cristianismo faría misión de ermidas e romarías en honra doutros santos. Prehistorias e santuarios nos que ceibar a maxia do maxín ao que somos tan propensos: plenilunio,bater de pandeiros, aturuxos, bramidos, puñais, regos de sangue, uncións… catarse, esquizofrenia colectiva…

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar