Ferrol:Experto en seguridade informática ofrece charla na Afundación

Afundación, a Obra Social de ABANCA, continúa desenvolvendo o seu ciclo de conferencias «Educación e docencia no século XXI» co relatorio «Os menores ante as novas tecnoloxías: beneficios e riscos» que ofrecerá José Torres o vindeiro xoves 18 de xaneiro, ás 20.00 h, na Sede Afundación de Ferrol (praza da Constitución, s/n).

José Torres é experto en seguridade e privacidade nas TIC e actualmente é o responsable do Equipo de Investigación Tecnolóxica da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. Durante a súa carreira profesional dirixiu e coordinou a nivel nacional diversas operacións contra a pornografía infantil e outros ilícitos penais e acumula unha dilatada experiencia como relator en diversos foros e mesas redondas impartidos en organismos como o Ministerio de Xustiza, a Xunta de Galicia ou en concellos. Ademais, José Torres colabora co Departamento de Enxeñería Telemática da Escola de Enxeñería de Telecomunicacións da Universidade de Vigo participando no desenvolvemento de diferentes ferramentas de detección de pornografía infantil e ciberbullying na rede.

Na súa conferencia, Torres falará sobre os innumerables beneficios do uso da Internet e das TIC, pero tamén da necesidade de que pais, nais e docentes sexan conscientes dos riscos que implica o seu uso, especialmente cando se trata de colectivos tan vulnerables como os menores. Así, tratará temas como a seguridade e a protección da información nos teléfonos móbiles, a xeolocalización, a protección da intimidade, o uso das redes sociais e dos videoxogos, o ciberacoso ou a tecnoadicción.

Esta proposta é unha firme aposta da entidade pola difusión de modelos formativos diversos en consonancia cos desafíos e as realidades sociais actuais e por facer partícipes da súa programación educativa, ademais de os escolares, nais, pais e persoal docente.

A ÁREA EDUCATIVA DE AFUNDACIÓN, A OBRA SOCIAL DE ABANCA

O obxectivo no campo formativo de Afundación está definido pola vocación ao redor dunha educación comprometida mediante a defensa dun sólido sistema educativo integral. Partindo da importancia da escola como centro de aprendizaxe, as propostas de Afundación pretenden complementar o ensino académico, especialmente a instrución, presentando uns espazos e unhas actividades que mesturen o lúdico e o formativo co fortalecemento de valores esenciais para unha sociedade cohesionada. Deste xeito, a entidade está comprometida coa tolerancia, co respecto, coa solidariedade e, por suposto, coa adquisición por parte de cada nena e de cada neno das ferramentas necesarias para perseverar na adquisición da súa autonomía persoal.

A propostas da área Educativa de Afundación abarcan múltiples disciplinas e fomentan o desenvolvemento de competencias transversais. Así, o seu programa inclúe actividades culturais en artes escénicas e plásticas e de fomento da lectura; actividades interxeracionais que reforzan o respecto e o intercambio de coñecementos entre mocidade e xente maior; actividades de educación ambiental para abordar a importancia do respecto polo medio; actividades de novas tecnoloxías, necesarias para o emprego das ferramentas imprescindibles nunha contorna que innova de maneira permanente; e actividades de cociña que ensinan os beneficios dunha alimentación saudable.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar