A afouteza de Feixó

Eu son dos (poucos) que escoitan a mensaxe de fin de ano do presidente Feixó. Goréntame ver a súa afouteza cando afirma que “a nosa economía medra porque aumenta a confianza”. E desexo crelo, para ser feliz en “datas tan sinaladas”.

Pero, co paso dos días, imponse en min a realidade coma se fose unha labazada. Querer non quero admitila, pero está aí a verdade oficial, administrativa.

– Dous de cada tres galegos ou son pobres ou van camiño de selo.

– O salario medio é menor ao SMI da maioría dos países de Europa.

– As pensións galegas son case un terzo menores que a media estatal.

– Desde que goberna Feixó emigraron máis de 150.000 galegos.

– Temos o combustíbel, a electricidade e as peaxes máis caras de todo o Estado.

– O leite págase varios céntimos menos. De cada dez explotacións que pecharon, sete son galegas.

– Os nosos barcos perden cada ano caladoiros nos que pescar e cotas nas especies principais, atopándose na obriga de amarrar: máis do 70% dos que comparten cota.

– O 93% dos contratos laborais foron a tempo parcial e a sinistralidade duplica a media.

– As políticas sociais son inexistentes, con espera de máis de 3.000 persoas para recibir a atención axeitada.

– Aínda tendo maioría absoluta, deixou sen aprobar a metade das leis e decretos que prometera.

– E se falamos da lingua: eliminouse a exixencia de que as probas para o acceso a función pública, cando menos unha fose escrita en galego, garantindo así o coñecemento da nosa lingua; non se estableceron mecanismos que garantisen un aumento efectivo da presenza do galego nas entidades receptoras de axudas públicas e, xa que logo, non se pode avaliar o cumprimento; incumprimento que si se constata na utilización da forma galega dos topónimos como única válida e oficial tanto por parte das diferentes administracións como por empresas ou entidades que contan con financiamento público. E se chegan lendo ao final, xa verán vostedes canto ten que ver a nosa lingua coa nosa economía.

– O Corredor Atlántico vai pola Meseta. A inauguración do AVE retárdase un ano máis.

– Nove de cada dez aldeas que quedaron baleiras son galegas.

– Galiza sofre a maior perda de poboación da súa historia…

…Acabóuseme o espazo.

Se cadra, o presidente Feixó, debería de falar co catedrático Carlos Ferrás. O experto en investigación socioterritorial realiza a comparanza das causas que levaron a que, por exemplo, Irlanda, nunhas condicións moito máis malas que Galiza, puidese non so deter o declive poboacional, senón darlle a volta a pirámide.

O mesmo día que realizaba o discurso o presidente Feixó, Carlos Ferrás afirmaba: “Galicia perde poboación porque desde a chegada da autonomía perdeu identidade”.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar