Baltar recibe ao Colexio de Farmacéuticos de Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial a unha delegación de 30 persoas do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense (COFO), encabezada polo seu presidente, Vicente Jairo Álvarez, e por membros da Xunta Directiva, con motivo da celebración do centenario da organización colexial. “Foi precisamente no Salón de Plenos da Deputación de Ourense, o 3 de xaneiro de 1918, onde 34 farmacéuticos celebraron unha reunión para constituír legalmente esta entidade, a cal hoxe homenaxeamos para recoñecer o labor de investigación e servizo á cidadanía realizada polos farmacéuticos da provincia de Ourense”, expresou Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial agradeceu ao Colexio de Farmacéuticos que quixese compartir esta data tan sinalada coa Deputación de Ourense, e fíxolle entrega ao presidente dos farmacéuticos ourensáns dunha figura representativa do afiador, “o símbolo da provincia de Ourense: creativa, traballadora e emigrante, que tan ben plasmou o pintor ourensán Antonio Puga na obra exposta na pinacoteca do Hermitage, en San Petersburgo”.

Manuel Baltar explicou que o Pazo Provincial, onde se constituíu hai cen anos o Colexio de Farmacéuticos de Ourense, “foi o gran centro administrativo da provincia a principios do século pasado”, un edificio que data do último terzo do século XIX, que albergou feitos tan importantes e singulares para a nosa provincia, como a creación desta entidade dos farmacéuticos ourensáns, de quen hoxe queremos destacar o seu traballo asistencial e de servizo na capital e no rural a prol dos cidadáns da nosa provincia”.

Para conmemorar esta efemérides o Colexio de Farmacéuticos de Ourense está a ultimar un programa de actividades que desenvolverá ao longo deste ano, “centradas nos colexiados e na asistencia farmacéutica”, explicou o Vicente Jairo Álvarez. Na actualidade, este colexio representa a 570 farmacéuticos que exercen a súa profesión na provincia, a maior parte deles nas 185 boticas do territorio ourensán.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar