Deputación de Pontevedra:“Modelo de espazo público” na Guarda

A Deputación de Pontevedra e Concello da Guarda fixeron hoxe oficial o convenio para converter a estrada provincial de Concepción Arenal  nunha rúa na que se recuperará o espazo público para as persoas. Tanto a presidenta da Deputación, Carmela Silva, como o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, como o alcalde guardés Antonio Lomba, manifestáronse satisfeitos polo proxecto de reforma, que ten un orzamento de 3 1,598.755 euros, e que, ademais de ter un deseño que primará o tránsito peonil, renovará as canalizacións de auga e pluviais, soterrará servizos e instalará nova iluminación.

A licitación da obra, segundo asegurou Benítez, será inminente, xa que o proxecto conta coa autorización sectorial da Dirección Xeral de Patrimonio. O inicio dos traballos realizarase previsiblemente na primavera, pactando un cronograma co concello para minimizar as posibles molestias. Unha vez comecen as obras, o prazo de execución será dun máximo de dez meses. O ámbito de actuación abrangue 8.527,85 metros cadrados, cunha lonxitude de 670 metros, con disposición en plataforma única e coa instalación de once redutores físicos de velocidade de vehículos, e unha velocidade máxima de 20 quilómetros por hora.

O deputado de Mobilidade explicou que coa súa chegada á Deputación, o novo Goberno provincial formulou un cambio de filosofía que mudou as prioridades nos proxectos de mellora de estradas, poñendo o foco nas persoas e apostando por una Estratexia de Mobilidade 3.0 na que os eixos de actuación son a seguridade, a sustentabilidade e a inclusión. Para facer referencia ao Proxecto Integral de Mobilidade de Concepción Arenal botou a vista atrás, cando a Deputación construíu o acceso ao porto da Guarda (EP-3401) pola parte externa da vila. “Agora Concepción Arenal é unha rúa máis, hai que urbanizala e entregala ao Concello, cambiándolle a configuración e a vida dos guardeses, creando zonas de espazo público e prazas que dan valor engadido e calidade de vida á vila”, explicou Benítez.

O deputado nacionalista quixo facer fincapé no financiamento do convenio e destacou que a Deputación farase cargo do 70 % do custo da obra, mentres que o Concello só fará fronte ao 30 % restante, “menos cantidade” da que lle correspondería realmente para facer fronte aos servizos da súa competencia: pluviais e saneamento, soterramento de servizos, nova iluminación ou mobiliario.

Finalmente, Benítez destacou a importancia que terá o desenvolvemento do novo acceso ao porto que a Xunta debe tramitar como proxecto sectorial. Lembrou as tres alternativas deseñadas pola Deputación, que permitirán retirar o tráfico pesado do centro da vila. “O uso de Concepción Arenal e o transporte de mercadorías ao porto non son compatibles. A Deputación puxo sobre a mesa solucións a dous problemas: a recuperación do espazo na vila e o acceso ao porto. Estamos nunha fase de recuperación das vilas na que só debe haber un final: recuperar o espazo para as persoas”, insistiu.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou pola súa parte que o proxecto para Concepción Arenal demostra unha visión “radicalmente diferente” do que se estaba a facer con anterioridade nos proxectos de reurbanización de estradas. “Antes primaba o uso de vehículos coa incomodidade para as persoas, que foron expulsadas dese espazo público. Abandonáronse eses espazos e volvéronse grises. Por iso hoxe é un día histórico para A Guarda, porque a obra vai cambiar a estética de Concepción Arenal radicalmente. Vai pasar de ser un espazo gris a un arco da vella: un lugar de grande atracción turística cun novo modelo onde priman os espazos de socialización e encontro da cidadanía”, resaltou.

Silva tamén recoñeceu que o cambio de modelo para priorizar os tránsitos peonís que se propón na Guarda “vai custar”. Indicou que para aceptar un modelo distinto e cambiar de hábitos é preciso entender que os modelos que se deben aplicar deben estar baseados na economía, pero non enfrontados coa calidade de vida, porque “os proxectos non só deben ter valor de mercado, senón valor humano. Por iso é importante asumir o risco de cambiar, pero facéndoo escoitando moito a todo o mundo e respectando moito a autonomía local”, asegurou.

“A de Concepción Arenal vai ser unha infraestrutura do século XXI. Será unha obra de criterios técnicos e cun novo concepto de mobilidade cunha estética que será foco de atracción”, finalizou, sen deixar de aproveitar o momento para facer un chamamento á Xunta para que se “poña mans á obra” coa construción do novo acceso ao Porto da Guarda.

Pola súa banda, o alcalde Antonio Lomba destacou que a partir de agora verase a materialización dun proxecto “moi ambicioso” na parte técnica, cuxa pretensión é “cambiar a maneira de o espazo público” na vila e que suporá “unha mellora de hábitos e unha maior calidade de vida para todos os e as cidadás, sobre todo de nenos e nenas e persoas maiores”.

Lomba tamén insistiu en que o proxecto “é un reto” e recoñeceu que “cambiar inercias é difícil, porque no século XX creábanse os espazos para os coches e agora é difícil darlle a volta, pero nós facemos unha aposta de futuro. Queremos mellorar a vila ata ese punto”.

O proxecto para Concepción Arenal propón unha plataforma única co mesmo nivel para beirarrúas e tráfico rodado, xogando con diferentes materiais e texturas para os pavimentos. Crearase unha grande praza na fronte do convento de San Bieito, e darase un novo tratamento para a praza de Avelino Vicente. En ambos casos o criterio será a eliminación dos aparcamentos existentes e a recuperación da maior cantidade de superficie como espazo público para a cidadanía.

No cruzamento coa rúa Enrique María Sesto e o hotel convento de San Bieito convivirán o tráfico e a circulación peonil, transformando o espazo da edificación relixiosa, potenciando as súas características monumentais e aproveitando o espazo público existente. Proponse unha área de descanso e reunión, cun espazo verde con árbores e bancos e, do outro lado, unha pérgola con gabeadeiras vexetais acompañada tamén de bancos. A rúa resólvese nun mesmo nivel e xógase cos materiais e texturas, de forma que a parte estritamente peonil levará lousa e a parte rodada unha base de formigón negro grafito con bandas transversais. Ao chegar á igrexa producirase un cambio na conformación do solado, cunha maior presenza de pedra.

A segunda zona do proxecto de Concepción Arenal vai desde o cruzamento coa PO-552 ata a rúa Enrique María Sesto, e inclúe o tratamento da praza Avelino Vicente. Os criterios a seguir serán os mesmos que na anterior zona: un único nivel con diferentes materiais para os pavimentos e elementos de formigón a modo de mobiliario urbano. A praza consolidarase arredor do monumento existente con dúas áreas de descanso diferenciadas: unha delas en forma lonxitudinal sobre unha das dúas fachadas acompañada de árbores e zonas de lecer, e a outra área disposta arredor dun dos elementos de formigón, con bancos e zonas verdes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar