Raul Galego, Chairego de Honra

Vilalba volveu exercer de capital da Terra Chá co acto de nomeamento de Chairego de Honra ao gaiteiro Raul Galego, pola Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María.

O acto tivo lugar no Centro Cultural e Recrativo, seguido logo dun xantar no Restaurante Lanzós, arredor deste gaiteiro que hai moitos anos formou parte do grupo de música do histórico Ballet Galego de Rey de Viana, e ten participado en ducias de actos na Terra Chá, entre eles practicamente en todos os que se celebran á beira do río en Vilalba, no Paseo dos Soños, na colocación de cada un dos Hectómetros literarios alí instalados.

Chámanlle “o Gaiteiro nubeiro”, porque ao parecer cando el toca non chove, e se está chovendo deixa de chover, respondendo á mellor tradición do noso folclore que recolle a existencia dos nubeiros –tanto na mitoloxia galega como na do resto do norte da península-, uns seres que tiñan a capacidade de controlar o tempo, especialmente a evolución das nubes e as choivas.

Científicamente, non está demostrado que Raul Galego faga que as nubes retrocedan e as choivas paren, pero o que si ten demostrado é a súa excepcional capacidade musical, facendo coa súa inseparable gaita unha música diferente, interpretando as pezas non xa con arreglo ás partituras ou a tradición establecen, senón facendo improvisacións calculadas, medidas con precisión de xeito que a súa música soa sempre especialmente harmónica.

Celebrar este acto no Centro Cultural debeuse á acollida da directiva do centro a esta iniciativa, xa que na Casa da Cultura celebraba a mesma fin de semana o Congreso sobre as Irmandades da Fala que promove o Iescha, co que hai que felicitarse por disponer en Vilalba de varios locales axeitados para a celebración de actos, e pola actividade cultural que se evidencia pola coincidencia de dous actos importantes no mesmo día. O feito de poder elixir entre dúas actividades é síntoma de boa saúde cultural en Vilalba.

Investimos, con todo merecemento, a Raul Galego como Chairego de Honra; a el, que tanto nos ten honrado ofrecendo a súa arte, sempre de xeito desinteresado, en canta ocasión se presenta. Pasa a formar parte do grupo que comezou con Fiz Vergara Vilariño, e seguíu con Díaz Pardo, Don Uxío…e moita boa xente, grandes que merecen ser Chairegos de honra, polos servizos prestados á Terra Chá.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar