Hai algo detrás do pacto do SMI?

Prsentaron o novo Salario Mínimo Interprofesional (SMI) na Moncloa coma se fose un grande Pacto de Estado e a min non me cadraba nada…, até que Mariano Raxoi o comparou cos famosos Pactos da Moncloa, que permitiron a denominada Transición. E, aínda que non son mal pensado, dixen, aquí hai cafarnuada, pois se o presidente do Goberno español fixo a comparanza, seguro que non foi por sacar unha ocorrencia.

Pois lean vostedes e díganme se, desde o punto de vista da clase traballadora, lle atopan a graza.

Goberno, patronal e os sindicatos do réxime, UGT e CCOO, acordaron que o Salario Mínimo chegaría no ano 2020 aos 850 euros. Se agora é de 707,6, poderiamos concluír que se trata dun importante avance. Vaiamos por partes. Existe un acordo do Congreso de Deputados que o fixaba en 950 euros para o mesmo ano. Así que se incumpre o aprobado. Ademais, as cantidades pactadas están lonxe do 60 % do salario medio que marca a Carta Social Europea.

Na Galiza, o colectivo de traballadores e traballadoras que ingresan menos da metade do SMI é de 18,1 % e o colectivo que non acada ingresos anuais iguais ao SMI é de case 31 % do total, así que o que fai este acordo non é ningún avance, senón que consolida a realidade. E logo están as cláusulas pactadas para a súa aplicación.

O acordo só será efectivo se o PIB do Estado é superior aos 2,5 e se hai unha media de 459.000 cotizantes máis na Seguridade Social. Dáse a circunstancia de que as previsións do Banco de España para o PIB quedan no 2,4. Así que se a economía non medra o acordado, porque o Estado non pon os recursos suficientes e as políticas axeitadas ou as empresas non invisten, a culpa de quen é: dos que menos gañan!…, e quedarán sen aumento. Vaia, vaia!

Pero hai máis. Este acordo non terá efecto para aqueles que traballen por horas ou a media xornada e tampouco para aqueles que teñan un convenio colectivo referenciado no SIM. E aínda que se dean todas as condicións para que o incremento pactado sexa efectivo, este vai ser desbordado polo aumento dos prezos, non hai máis que fixarse na luz ou no gas, por non falar da gasolina, as peaxes…

Podemos dicir logo que “se abriu o monte e pariu unha formiga…”. Non. Os Pactos da Moncloa, aos que se referiu Raxoi, foi a fórmula amañada na Restauración Borbónica “para suplir o Goberno de concentración” (Otero Novas, dixit). UGT e Comisións recibiron a cambio 4.200 millóns de pesetas.

Agora, volve estar en xogo aquel Réxime de 1978 e aparece, coma daquelas, un pacto do que non se nos contan as súas interioridades, pero presentado como “propaganda da unidade nacional”, afirma Fernando Ónega.

Só propaganda?

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de “El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar