Galicia 24 Horas

Mellora no tratamento da EDAR do parque empresarial de Vilamarín

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín, e o alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez, asinaron un convenio de colaboración que ten por obxecto levar a cabo o proxecto de mellora do tratamento na EDAR do parque empresarial de Vilamarín.

O obxectivo da actuación recollida neste proxecto consistirá na mellora da calidade do efluente da EDAR do polígono, mantendo o seu punto de vertido, para facer viable a continuación do desenvolvemento do parque empresarial cumprindo cos obxectivos medioambientais e de calidade que marca o vixente Plan Hidrolóxico para a canle receptora.

O investimento total destinado para ditas actuacións ascende a 566.000 euros. Tanto a Deputación de Ourense como a CHMS achegarán cada unha delas o 39,75% do investimento, isto é, 225.000 euros cada administración. Mentres que, o Concello de Vilamarín achegará 116.000 euros, o 20,5% do investimento total estimado.