Sen parangón

Remata un ano e aí, detrás do trinta e un, está o próximo, que tamén rematará nun lusco e fusco. Comeza o vindeiro luns e, antes de esquecer os festexos, xa acaba, igual que os outros, acaba pronto. Os anos, os meses, os días e a vida pasan voando, rapidamente. Veñen e marchan como se fosen suspiros, bocanadas de alento ferido que fan aos homes vellos. Estamos cerca do aninovo, dese principio do ano que todos arelan ou arelamos venturoso e que pasa correndo, mentres a xente mira para un programa de calquera televisión. De calquera, efectivamente, incluso da famosa “telegaita”, que segue con programación continuada e cos mesmos ánimos que tiña cando naceu, con afán de servir ao país defendendo, por encima de todo, a lingua, a lingua nosa, que tanto nos une e que tanto nos enfada e nos separa.

Todos encantados e consumindo sen parar produtos para comer e beber, para vestir e calzar, para presumir, para viaxar, para regalar e, incluso, para probar fortuna e contribuír cun imposto máis ás arcas do Estado. Todo é pouco para encher esas arcas minguadas polo tempo e o desanimo. O Nadal é de festa e de ledicia, é época de sosego, tranquilidade e prudencia. Antes era pura invernía, con friaxe para o corpo, corazón e alma. Agora, no falar meteorolóxico, o Nadal non se sabe o que é. En todo caso, un tempo indeterminado, sen definición e sen nome.

O Nadal é un tránsito entre dous anos, un nexo entre onte e mañá, un instante. Unha morea de whatsapp, miles de chamadas telefónicas, millóns de amigos virtuais intercambiando bobadas , falando por falar, esquivando compromisos, ouveando e agardando tempos diferentes. Iso é o Nadal das maiorías, das mulleres e homes que traballan para vivir, que traballan exclusivamente para subsistir, para resistir e aguantar o temporal que lles vén dado polo desacougo e os imperativos das normas que outros fixeron e impuxeron.

Compañeiros e amigos lectores, o Nadal, aos aldeás coma min, conéctanos directamente co que xa non hai, coas intensas nevaradas, co magosto na lareira afumada, coa matanza do porco e con aqueles chourizos tan ben sabidos e de tanta calidade que, por moito que se empeñen os honorábeis, non teñen parangón.
Buscador
COLUMNISTAS
Lo Más

ACTUAL
VISTO

Facebook

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar