Galicia 24 Horas

Augas de Galicia busca solucións para o subministro

A Xunta de Galicia apela ao entendemento e á colaboración entre os concellos que se abastecen do sistema de Vigo para avanzar no reforzo do sistema de abastecemento da comarca e acorden unha postura nesta materia.

O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, mantivo unha reunión cos concellos que se abastecen de Eiras para dar conta da situación actual e dos pasos avanzados en relación co compromiso de apoiar o reforzamento do sistema de abastecemento aos concellos de Vigo, Redondela, Soutomaior, Porriño, Mos, Salceda de Caselas, Moaña, Cangas, Nigrán, Baiona e Ponte Caldelas.

Rodríguez Martínez indicou que o Goberno galego segue a disposición do Concello de Vigo, e dos municipios do sistema, para a execución dunha nova captación e condución de auga desde o río Verdugo.

Recordou que esta actuación nace no marco das reunións de coordinación pola situación por Seca, onde participaban todos os concellos hoxe convocados; polo que ante a conflitividade xerada entorno á execución desta obra, reiterou a información xa trasladada con anterioridade sobre a non afección da execución da obra nin ao río nin ao marisqueo, xa que respectará en todo momento o caudal ecolóxico do río Verdugo, e demandou consenso para a súa execución.

Ante esta situación, o director insistiu no ofrecemento de colaboración e brindouse como mediador neste conflito entre administración locais para levar adiante a obra de reforzo do abastecemento a Vigo e a súa área, desde o río Verdugo, sen conflito político e social.

Asemade, precisou que tamén debería ser unha prioridade para o Concello de Vigo actuar na súa potabilizadora para garantir o subministro de calidade a aqueles concellos aos que abastece e aos que lles cobra o servizo.

Por último, Rodríguez Martínez avanzou que proximamente reunirase a Oficina Técnica da Seca para avaliar a incidencia das últimas choivas nos distintos sistemas da Conca Galicia-Costa.