A obra do escultor Acisclo Manzano nun libro editado pola Deputación de Ourense

A Deputación de Ourense edita un libro que recolle a faceta artística e humana do escultor ourensán Acisclo Manzano, “porque a súa obra e a súa traxectoria merecían que o goberno provincial fixera realidade esta publicación que leva por título Acisclo Escultor”, destacou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na presentación da obra que tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que tamén participou o escultor, Acisclo Manzano; a autora dos textos do libro, Mercedes Gallego; e o autor das fotografías, Mani Moretón.

Para a Deputación de Ourense a publicación deste libro é “un acto de xustiza para con un dos “bos e xenerosos” porque esta obra é un símbolo da homenaxe permanente que debemos a un dos nosos fillos máis ilustres”, explicou Baltar, quen lembrou os numerosos recoñecementos que recibiu o escultor ourensán como o premio “Otero Pedrayo” 2016, que o xurado concedeu por unanimidade ex aequo aos escultores Acisclo Manzano e Manuel Buciños.

Trátase dunha publicación de luxo á altura do protagonista do libro, un ourensán universal que non para de crear e que continúa metido nesa faceta de imaxinar en escultura todo aquilo que pretende exteriorizar”, sinalou Baltar, quen engadiu que “esa achega que Acisclo fixo durante a toda súa vida ao mundo da escultura e ao mundo da cultura de Ourense está de noraboa cunha publicación destas características”.

Pola súa parte, Mercedes Gallego, quen felicitou á Deputación de Ourense polo traballo que realiza a prol da cultura, dixo que para ela, escribir esta obra, tivo unha dobre honra: “non só por poder escribir sobre un dos escultores representativos da arte galega desde os anos 60 do século pasado ata agora, senón por poder traballar con Acisclo Manzano”.

O plantexamento do libro non responde a unha publicación tradicional xa que parte da clave que nos deu Acisclo ao querer subliñar as esculturas que chove por elas, é dicir, as esculturas públicas que están na rúa, aínda que hai certas excepcións, obras que non son públicas, pero que son de difícil acceso ao público”, explicou a autora da publicación. O libro complétase cunha introdución biográfica escrita por Pilar Corredoira e un texto literario de Luís González Tosar.

Mani Moretón, encargado de realizar a parte gráfica da publicación, destacou que Acisclo é “unha persoa cunhas mans prodixiosas que axudan a que tódalas ideas que lle pasan pola cabeza sexa capaz de plasmalas” e salientou tamén a capacidade que ten o escultor de dotar de expresividade as súas obras “incluso de representar nelas a fe”.

Por último, Acisclo Manzano agradeceu “a quen soubo recoñecer as miñas formas e o meu camiñar neste libro” e sinalou que non ten unha obra definitiva “porque non sei cando empecei nin cando terminarei”. O protagonista da obra explicou que non ten un método de traballo, “teño un método de vivir porque eu chámome escultor e de escultor acabarei. A miña misión é chegar a facer unha peza do tamaño dunha noz que represente tódalas esculturas que saíron das miñas mans, da miña cabeza ou da luz”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar