Galicia 24 Horas

A TVG foi a canle máis vista durante a ponte do Nadal

No que vai de Nadal, a Televisión de Galicia foi a canle preferida dos galegos, tanto na faixa do prime time, cunha cota do 14,3%, 2,6 puntos por riba da seguinte canle máis vista, Antena 3, como no conxunto do día, cun 12,8%, superando en máis dun punto de cota ao competidor máis próximo, La1. Dende o venres 22 ao luns 25, cómpre salientar os resultados do domingo 24, que cunha cota do 17,4% no conxunto do día situou á canle galega a máis de 5 puntos e medio do seguinte competidor, La1, case duplicando no prime time a audiencia de Antena 3.

Dentro da programación da TVG, a canle contou con 6 das 10 emisións máis vistas, entre as que se atopan as 3 de maior audiencia en todo o período. A primeira foi o “Land Rober Tunai Show Especial Noiteboa” que foi o programa máis seguido en Galicia destes catro días, cunha cota do 31,3%. Esta emisión acadou o minuto máis visto de todas as canles que se puideron ver na comunidade galega na pasada ponte, ás 23.36 h., chegando a unha cota do 38,4%.

Ademais, o “Telexornal Mediodía” conseguiu o día 24 unha cota do 27,1%, sendo o informativo líder no seu período e o segundo máis visto na comunidade galega. É salientable tamén que a “Lotaría do Nadal” acadou un 26,1% de share e a mensaxe da S.M. O Rei foi máis seguida en TVG que en ningunha outra canle, cunha cota do 24%.