Galicia 24 Horas

O Concello de Ourense incrementa os convenios nun 34%

A Xunta de Goberno Local extraordinaria ratificou os convenios con entidades sociais, pasando dos 190.051 euros de 2016 aos 255.000 euros asignados este ano.

Deste xeito, o Concello incrementa os convenios con entidades sociais e do ámbito da Sanidade nun 34,1% con respecto ao pasado exercicio. “Este Goberno Municipal sempre mantivo e mantén que a área social é un dos seus piares fundamentais, e por iso consideramos necesario incrementar os convenios con estas entidades para o desenvolvemento das súas actividades, que sempre están adicadas ás persoas que máis o precisan”, sinalou o alcalde, Jesús Vázquez.

As entidades beneficiarias destes convenios, hoxe ratificados e que se asinarán a próxima semana, son:

Afaor (pasa de 21.025 a 25.000 euros, o que supón un incremento do 19%); Cáritas (pasa de 100.000 a 125.000 euros, un 25% máis); ADO (15.000 euros, que incrementa un 100%, xa que o ano pasado non subscribiu convenio); Banco de Alimentos (que triplica a axuda, pasando de 5.000 a 15.000 euros, cun 200% de incremento); así como o Comité Cidadán AntiSida, Proxecto Home e ATOX, que pasan de 21.342 a 25.000 euros cada unha delas, o que supón un 17,1% máis de axuda municipal.