A Policía Autonómica actúa nun caso de marisqueo ilegal en Alcabre

A Policía Autonómica identificou aos propietarios dunha embarcación por unha presunta infracción relacionada co marisqueo ilegal na parroquia de Alcabre (Vigo) na que se incautaron 292 quilos de centolo.

Os feitos ocorreron o pasado día 7 de decembro, cando axentes da Policía Autonómica con sede en Vigo, en colaboración coa Policía Nacional e persoal do Museo do Mar da localidade, tiveron coñecemento de que se estaba movendo mercadoría por parte dunha embarcación que se atopaba na parte posterior do museo.

Ante a chegada da Policía Autonómica ao lugar, os tripulantes dunha embarcación abandonaron o peirao apresuradamente, polo que os axentes procederon a realizar unha inspección pola zona. O que localizaron foi unha rede de grandes dimensións na que había 589 centolos, cun peso aproximado de 292 quilos.

Tras realizar unha investigación, a Policía Autonómica logrou identificar aos propietarios da embarcación e levantou unha acta administrativa por unha infracción da Lei de Pesca de Galicia.

Dos centolos intervidos, 514 foron devoltos ao mar e 75 foron doados a dous centros benéficos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar