Galicia 24 Horas

Pontevedra:<br>Renovación da Praza de Abastos con fondos FEDER

O Concello de Pontevedra vén de dar á  saída á xestión dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) incluídos na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo, de Pontevedra coa aprobación por parte da Xunta de Goberno, dos tres primeiros proxectos: a renovación da primeira planta do Mercado de Abastos; a adecuación interior e mellora da eficiencia enerxética do Pavillón Multiusos da Xunqueira; e o acondicionamento da rúa do Gorgullón como tramo urbano do Camiño de Santiago.

En total, un investimento de case 4 millóns de euros, aos que se poderá sumar en breve o inicio do expediente de licitación da obra de reforma da Ponte do Burgo, cun investimento de máis de 2,5 millóns de euros. O Concello traballa nestes días para que se poida abrir a licitación a vindeira semana.

O portavoz do Goberno e concelleiro de Economía, Raimundo González explicou que foi decisión do Goberno axilizar a tramitación de todos os proxectos, que logo da aprobación do proceso de licitación, levará a súa publicación aos boletíns oficiais. Os interesados poderán presentar ofertas nun prazo de 26 días hábiles, e  unha vez que o Estado libere os fondos concedidos por cada un dos proxectos, poderanse adxudicar. O Goberno Local non quere que se ralenticen os proxectos, por iso adianta toda a tramitación á espera da resposta dende Madrid.

Os proxectos en licitación aprobados

O proxecto do Mercado de Abastos ten un custe de 279.292,78 euros e consiste en arranxar a primeira planta para novos usos vinculados aos produtos da terra, ecolóxicos e delicatessen. Para a instalación destas novas ofertas comerciais e tamén para dotalo de novos usos precísase unha reforma das instalacións existentes. A obra terá un prazo de 3 meses.

O acondicionamento do Pavillón Multiusos ten un orzamento de 2.143.038 euros. Trátase dunha instalación deportiva dos anos oitenta que se renovará case a súa totalidade: tellado, aislante, calefacción, baños… unha reforma en profundidade que terá un prazo de execución de 5 meses. O concelleiro de Economía explicou que se prima no prego de condicións o tempo de execución da obra xa que é unha instalación moi empregada por parte dos clubs da cidade que debera estar o menor tempo posible pechado. De feito, incluso, se poderá penalizarán os atrasos.

Co proxecto de reurbanización do Gorgullón, que ten un orzamento de 1.554.055 euros e un prazo de execución de 8 meses, búscase unha reforma en profundidade da rúa con renovación de servizos, dotación de beirarrúas, accesibilidade, iluminación pública… Está previsto, tamén, actuar nos dous entronques da rúa e nas súas perpendiculares.

Da contía total do proxecto (que son as indicadas anteriormente), o Concello terá que achegar o 20% máis os excesos de obra. No caso do Mercado, a achega municipal será de 55.858 euros, na do Pavillón Multiusos de 572.000 euros; e no Gorgullón de 327.388 euros.