O PP de Teo denuncia o malestar dos comerciantes pola falta de iluminación de Nadal

Son os propios comerciantes os que instalan a iluminación de Nadal

Nin unha soa luz de Nadal no Concello de Teo a dous días da Noiteboa. Os comerciantes veñen de trasladar ao Partido Popular o seu malestar pola nula actuación do executivo local respecto da iluminación de Nadal, quen esixe que sexan os propios veciños os que xestionen e custeen o alumeado público nestas datas.

Ningunha das zonas que concentra algunha actividade comercial no Concello conta cunha soa luz de Nadal nin tampouco ningunha outra zona do municipio. Seguindo o ronsel da tendencia marcada pola ideoloxía política máis sectaria, o bipartito leva ao máximo extremo o seu modelo político e as luces en Teo brillan pola súa ausencia. Non se respectan nin as máis fondas tradicións nin a actividade comercial dos teenses.

Para os populares teenses, esta circunstancia revela unha vez máis que é Martiño Noriega quen segue gobernando en Teo, empeñado en que os seus compañeiros de partido trasladen ao noso concello aquilo que non foi capaz de facer en Santiago e que outros concellos das Mareas de Podemos, como o da Coruña, xa teñen superado.

Preguntado en anteriores ocasións pola ausencia de iluminación de Nadal, o alcalde argumenta reiteradamente que se trata dunha celebración relixiosa e que, por conseguinte, debe ser a Igrexa quen coloque o que estime oportuno se quere celebrar o Nadal. Ante iso, os populares defenden a incidencia que ten a iluminación como estímulo sobre a actividade comercial, máis aló das ideoloxías políticas ou relixiosas.

Para os populares teenses, isto non fai máis que afondar no seu sectario modelo político. En palabras de José Manuel Guerra, “resulta incrible que o alcalde rasgue as vestiduras por poñer adornos do Nadal demandados pola xeralidade da veciñanza, cando non ten ningún empacho en cambiar o nome do auditorio municipal polo dun tenente alcalde republicano de 1936”. E engade que con esta actitude o alcalde “non só non respecta as tradicións, xa nin respecta aos comerciantes nin á propia veciñanza”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar