Xunta, FEGAMP e tres das catro deputacións avanzan na comarcalización dos bombeiros

A Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e tres das catro deputacións provinciais acordaron avanzar na comarcalización dos parques de bombeiros das grandes cidades como unha das fórmulas para reducir os tempos de resposta na xestión das emerxencias.

A medida, da que só se desmarcou a Deputación de Pontevedra, aprobouse na terceira reunión do Grupo de Traballo polas emerxencias, que se celebrou en Santiago de Compostela. Agora ábrese unha nova etapa na que se debe determinar o modelo elixido para abordar o financiamento desa comarcalización e unha negociación coas cidades das que dependen eses parques, que ata o de agora e de forma xeral só atenden ás emerxencias que se producen nos seus propios municipios.

A comarcalización é a maneira máis rápida e eficiente de dar un mellor servizo aos municipios que están preto das grandes cidades. Para avanzar neste sentido, a Xunta xa ten asignados 1,7 millóns nos seus orzamentos de 2018 e agarda que as administracións locais, nomeadamente as deputacións, que son as que teñen a competencia en materia de emerxencias nos municipios de menos de 20.000 habitantes, colaboren activamente neste proceso.

Ademais, o grupo, esta vez de xeito unánime, acordou as vías para cubrir as zonas de sombra que quedarían pese ás comarcalizacións. Buscarase racionalizar os medios existentes, priorizar as zonas que están a máis de 30 minutos e despois as que están entre 20 e 30, e crear novos servizos, na súa maioría Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES).

A concreción destes servizos farase en subcomisións de carácter provincial que permitan avanzar no proceso de mellora da xestión das emerxencias en toda Galicia e cuxa composición se consensuará coa Fegamp e as deputacións provinciais.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar