A nova lei de sanidade

Debemos ser conscientes de que está en xogo Sanidade Pública tal e como a coñecemos. O PP pretende facer do Sistema Sanitario Público un negocio. Optan pola sanidade asistencial, que lle reporta diñeiro ás empresas privadas, na vez de apostar pola saúde preventiva.

Esa é a filosofía da nova lei, o demais son disposición para logralo. A nova Lei de Sanidade, que presentou a pasada semana o goberno do PP como anteproxecto, non é máis que o último paso no camiño da privatización, xa ensaiado noutras comunidades. Esquezan se foi con nocturnidade ou aleivosía.

Ao suprimir as catro áreas sanitarias (Monforte, O Barco, A Mariña e O Salnés), a atención primaria queda sometida a hospitalaria, perdendo orzamento e autonomía, polo que o sistema sanitario volve ao modelo curativo (reparación do dano) en detrimento da promoción e prevención, moito máis racional e eficiente para a saúde da poboación, pero menos rendíbel para as multinacionais.

Desmantela e mingua os recursos dos hospitais comarcais, que acercan a atención hospitalaria a poboación rural aleixada dos grandes hospitais, creando así cidadáns de primeira e de segunda.

Consolida a privatización da formación, investigación e innovación do sistema sanitario público galego. Mantén e amplía a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, parasitada por laboratorios e empresas tecnolóxicas e fondos de investimento internacionais. Aí está o escándalo de Medtronic. Desta maneira, o Sergas financiará e poñerá os seus centros, profesionais, equipamento e pacientes o servizo da experimentación de laboratorios, multinacionais e fondos de investimento, que farán grandes negocios: o Sergas pagará a investigación e ás multinacionais comercializaran os resultados.

Mantén e consolida a se­lección dos traballadores sanitarios por libre designación, en lugar de por coñecemento, mérito e capacidade demostrada en probas, exames e concursos. Esta decisión perpetúa a arbitrariedade e o enchufismo na contratación do persoal sani- tario, en detrimento da calidade da atención, da equidade e da xustiza.

Reduce a participación social na xestión e o control do sistema.

Cambia a composición dos órganos de participación e as funcións dos mesmos. Esta modificación fará imposible o control previo e a aprobación do Plan Galego de Saúde, os contratos de servizos, os concertos co sector privado, subvencións, memorias anuais, orzamentos, prestacións sanitarias e carteiras de servizos.

Núñez Feixó está a facer a súa política, o que mellor sabe. Foi el, cando estaba no Ministerio de Sanidade, quen comezou coas privatizacións. A maioría dos galegos votárono.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar