Segunda edición do Demoday do coworking “Go2work”

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polo vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e concelleiro de Promoción Económica do Concello de Ourense, Jorge Pumar; e polo director do Departamento de Aceleración empresarial da Escola de Organización Industrial (EOI), Javier de Benito, participaron na inauguración da 2ª edición do Demoday do coworking “Go2work” Ourense, unha iniciativa que organiza a Deputación de Ourense e o Ministerio de Industria a través da EOI, coa colaboración do Concello de Ourense, que ten como obxectivo pór en valor casos de éxito empresariais e promover o emprendemento de iniciativas desenvolvidas en Ourense.

Nesta edición presentáronse unha vintena de proxectos de diferentes sectores económicos en materia de E-commerce, food tech, agro tech, edu-tech, retail moda, servizos turísticos, e saúde, entre outros. Manuel Baltar destacou “a importancia da innovación, da formación e da información no coworking”, felicitando aos emprendedores que impulsan iniciativas “para convertelas en realidades empresariais partindo dunha boa idea, principal elemento para iniciar un proxecto consistente e duradeiro”.

O presidente do goberno provincial subliñou á Escola de Organización Industrial como “unha aliada estratéxica da Deputación de Ourense” para levar a cabo iniciativas a prol do emprendemento” e cualificou ao espazo La Molinera como “o laboratorio innovador da provincia de Ourense” en materia de iniciativas para emprendedores.

Ao longo da xornada de hoxe, ademais de presentar as iniciativas cada un dos emprendedores participantes, desenvolveuse unha master class a cargo de Jorge Vázquez, CEO de Redegal, quen expuxo as liñas que converteron a esta empresa tecnolóxica en referente no seu sector.

O “coworking” é un sistema de traballo corporativo que permite a profesionais e emprendedores compartir un mesmo espazo físico de traballo para levar a cabo seus proxectos profesionais de xeito independente e fomentar tamén a realización de proxectos conxuntos. Os participantes formaranse ao longo de cinco meses no edificio de La Molinera “froito do convenio de cooperación co Concello de Ourense, unha formación que repercutirá positivamente no sector produtivo da nosa provincia”, destacou Jorge Pumar.

Javier de Benito dixo que os emprendedores “son os principais protagonistas desta iniciativa” e agradeceu á Deputación de Ourense a colaboración “que sempre amosa en favor das políticas que melloren a empregabilidade e as oportunidades para os xóvenes”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar