A Vía da Prata acolle a primeira ruta ecuestre xacobea

A Vía da Prata acolleu esta fin de semana a primeira ruta ecuestre por este itinerario xacobeo, que vén de obter a homologación oficial da Real Federación Hípica Española para esta modalidade da peregrinación. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, asistiron ao percorrido ao seu paso polo concello de Laza.

Con esta iniciativa dáse por inaugurada esta homologación oficial, que afecta a toda a Vía da Prata ata súa meta en Santiago de Compostela. Identificada co código IE-016, esta é a primeira ruta galega certificada, un obxectivo da Xunta de Galicia acadado este outono.

Esta ruta ecuestre foi realizada entre o sábado e o domingo, da Gudiña a Laza, por un grupo de xinetes procedentes da Asociación Pura Raza Cabalo Galego (Boqueixón), da Asociación Ecuestre Cabaleiros de Brión, Xinetes de Noia, Xinetes de Villestro, Club Hípico Pura Raza Galega (Ames), do Centro Ecuestre El Paso (Castro de Riberas de Lea) e de Hípica Ares (Vilagarcía de Arousa). Na iniciativa participaron tamén representantes da Federación Hípica Galega, responsable da comisión para a homologación das rutas do Camiño de Santiago na nosa Comunidade, un proxecto cuxo financiamento correu a cargo de Turismo de Galicia.

Un 20% máis de peregrinos a cabalo

A peregrinación a cabalo é unha das tres opcións contempladas pola Oficina do Peregrino. Para obter a Compostela, é preciso percorrer os últimos 100 quilómetros. Esta modalidade experimentou no último ano un crecemento do 20%, ata superar os 400 peregrinos. Grazas á homologación oficial da Real Federación Hípica Española, agárdase que a evolución siga a ser positiva nos próximos anos. Así, avánzase nos obxectivos plasmados no Plan director do Camiño de Santiago, que contén accións para diversificar os fluxos de peregrinos e, ao mesmo tempo, especializar os diferentes itinerarios e poñer en valor ás súas singularidades.

Para completar esta homologación oficial, Santiago de Compostela contará desde o próximo ano cun espazo de acollida a peregrinos a cabalo, que estará situado no renovado Parque do Monte do Gozo. Trátase dunha das actuacións do seu Plan de Actuación que se está a levar a cabo nestes momentos e que ampliará os servizos dispoñibles neste recinto.

A Vía da Prata, en liña co resto de rutas xacobeas, incrementou este ano o seu número de peregrinos e supera xa os 9.000, o que representa máis do 3% do total de camiñantes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar