Melloras en 21 centros educativos da Coruña no Nadal

A Concellería de Xustiza Social e Coidados completará durante o Nadal as últimas actuacións de mellora e acondicionamento do ano en 21 centros educativos públicos da cidade. Tal e como destaca a edil Silvia Cameán, as intervencións, que na meirande parte suporán tarefas de albanelería, pintura, fontanería e reparacións en áreas de xogos infantís, forman parte do contrato de mantemento subscrito e levaranse a cabo durante o período non lectivo de Nadal, co obxectivo de evitar molestias á comunidade escolar “e que tampouco interfiran no desenvolvemento das clases e do tempo de lecer”.

“Este Goberno ten demostrado nestes dous anos o seu fondo compromiso cunha educación pública e de calidade. Isto tamén é apostar polo mantemento axeitado das instalacións escolares”, apunta Cameán, quen lembra que este ano o goberno local destina máis de 1.220.000 euros en intervencións de mellora e mantemento das infraestruturas. “Moitas das deficiencias que hoxe en día nos atopamos nos centros, aquelas cuxo mantemento corresponden á administración local, veñen derivadas por unha mala xestión da mesma por anteriores corporacións.

Nestes dous últimos anos, estamos a facer un enorme investimento nas instalacións educativas da cidade, incluso en cuestións vinculadas a obras maiores e que corresponden á Xunta de Galicia, para asegurar que o alumnado poida asistir ás clases e convivir nos centros nas mellores condicións posibles”, afirma a concelleira. Deste xeito, contra o final do presente exercicio, “e sempre que as condicións climatolóxicas así o permitan”, subliñou a concelleira, o goberno local acometerá máis de 40 actuacións para solventar as deficiencias que presentan algúns dos centros educativos da cidade. No CEE Nosa Señora do Rosario, levaranse a cabo obras de pintura no ximnasio, mentres que no Montel Touzet e no María Pita reparasare a pintura dos xogos do patio, e, no caso deste último, a liña que marca o camiño do alumnado de infantil aos autobuses. Durante o Nadal aproveitarase tamén para reparar áreas de xogos infantís, así como renovar os seus elementos nos CEIP Alborada, Anexa Prácticas, Curros Enríquez, Juan Fernández Latorre, e Sagrada Familia.

As obras de albanelería centrarán a maior parte das obras menores dos centros educativos. No CEIP Anxo da Garda e no San Francisco Xabier arranxaranse canalóns, mentres que no Ramón de la Sagra levarase a cabo unha limpeza dos mesmos, “que agora xa é posible ao existir a liña de vida, que permite aos operarios realizar con garantías este servizo”, salientou Cameán. Neste centro, acometerase tamén o selado da cuberta do patio interior, na zona do almacén, para evitar a entrada de auga no mesmo, e repararase o escalón que dá acceso ao patio de educación infantil. No caso do CEIP Labaca, intervirase sobre o teito dunha das aulas para evitar que se filtre auga e arranxarase de inmediato un panel da varanda da rampa de acceso ao patio do colexio. O Concello tamén mellorará a recollida de pluviais na no Salgado Torres, asegurará a tapa do rexistro do patio da Sagrada Familia, ou arranxará os chans e paredes de distintos espazos no Raquel Camacho, Sal Lence ou Zalaeta, entre outras actuacións de acondicionamento e mellora, que inclúen o reemplazamento das reixas protectoras das ventás dun dos patios do CEIP Eusebio da Guarda.

As intervencións da área de Xustiza Social tamén afectarán ás luminarias. Mentres que no CEIP María Pita repoñerase unha tulipa exterior, nos centros Concepción Arenal e Eusebio da Guarda arranxarase focos da iluminación dos patios cubertos. Ademais, retiraranse elementos deteriorados do mobiliario de centros como o Raquel Camacho, María Pita ou o Emilia Pardo Bazán, colexio no que, ademais, reporanse azulexos nos aseos de primaria.

Outros CEIP nos que tamén se desenvolverán traballos de acondicionamento nas vindeiras semanas serán o Víctor López Seoane, no que se repoñerá o valado detrás das porterías, e o Wenceslao Fernández Flórez, no que se reparará unha das tuberías de auga da sala de caldeiras, ademais de proceder a colocación de planchas de cortiza no chan da aula de inglés de infantil.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar