As rupturas matrimoniais descenderon en Galicia un 9%

O número de demandas de ruptura matrimonial (separacións e divorcios) presentadas en Galicia no terceiro trimestre do ano foi de 1182, fronte ás 1301 que se recibiron nos xulgados da comunidade no mesmo período do ano pasado, o que supón un descenso do 9,1 por cento, por encima da media estatal (-7,8 %).

Segundo os datos feitos públicos pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, descenden na comunidade no terceiro trimestre do ano tanto os divorcios consensuados (de 701 no ano 2016 a 633 este ano, o que supón unha caída do 9,7 %), como os non consensuados (de 548 a 484, un 11,7 % menos). En relación ás separacións de mutuo acordo, pasaron de 35 a 43, mentres que se rexistraron 22 contenciosas, fronte ás 17 do terceiro trimestre do ano pasado. En 2017 rexistrouse entre xullo e setembro unha petición de nulidade matrimonial.

Poñendo en relación as demandas de ruptura matrimonial coa poboación a  1 de xaneiro de 2017, Galicia sitúase en 4,37 peticións por cada 10 000 habitantes, lixeiramente por baixo da media estatal (4,79).

No terceiro trimestre do ano rexistrouse unha diminución interanual tanto nos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos menores non matrimoniais, como nos de modificación de medidas non consensuados, mentres que os consensuados aumentaron.

Así, entre xullo e setembro deste ano iniciáronse 112 procedementos de modificación de medidas de mutuo acordo, un 12 % máis que no mesmo período do ano anterior. As demandas de modificación de medidas non consensuadas foron 327, o que supón un descenso interanual do 7,1 por cento. En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos menores non matrimoniais, rexistráronse no período estudado 142 demandas de modificación de medidas consensuadas, o que supón un descenso interanual do 10,1 %. Baixaron tamén un 16,6 % as demandas litixiosas, ao pasar das 290 do ano pasado ás 242 de 2017.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar