Santiago:O Teatro Principal acolle a estrea “Manoliño Nguema”

 

O veterano artista guineano formado no Circo dos Muchachos de Ourense Marcelo Ndong e dous dos seus alumnos máis destacados, Gorsy Edú e Raimundo Bernabé (Russo), estrean hoxe Manoliño Nguema, dous mundos que se tocan no Teatro Principal de Compostela. A obra de teatro, da que só haberá unha representación, relata a incríble vida deste sexaxenario artista africano, un galego-guineano (como el mesmo se define) que deu varias veces a volta ao mundo co Circo dos Muchachos antes de volver ao seu país natal, a principios dos 90, onde acabou converténdose no indiscutible pai do teatro de Guinea Ecuatorial. É unha oportunidade única de coñecer os lazos que unen a España co país africano e de participar na elaboración do documental homónimo, un alegato en favor da migración, unha mirada positiva ante o poder integrador e sanador da cultura. As entradas están dispoñibles por un donativo de 10 €  na billeteira do propio teatro (Rúa Nova, 9), no Pub Medusa (Rúa das Ánimas,1), e na librería Carballido da Coruña (Avenida da Concordia, 14).

A representación culminará dúas semanas de rodaxe en Galicia, na que os artistas percorreron escenario clave na vida galega de Manoliño como o son as rúas de Santiago de Compostela, onde adoitaba actuar como mimo; a Cidade dos Muchachos de Bemposta (Ourense), onde se formou nas artes circenses cando chegou a España, ou a Ribeira Sacra. A vida de Marcelo convértese, así, na columna vertebral dun proxecto documental, musical e teatral, abandeirado pola ONGD Waka Films e pola produtora Fílmika Galaika, que contan tamén coa colaboración da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso).

Unha viaxe de ida e volta
No medio dun barrio de Malabo, a capital de Guinea Ecuatorial, tres negros cantan Catro vellos mariñeiros. O ritmo desta canción tradicional galega fúndese cunha percusión africana de raíces fang (unha das cinco etnias do país) e, con esta estampa inesperada, o trailer de presentación de Manoliño Nguema achéganos ao singular universo dun proxecto que comezou sendo un documental e que pouco a pouco se foi transformando nunha iniciativa moito máis ampla que aglutina teatro, música e formación nun alegato en favor da migración, unha mirada positiva ante o poder integrador e sanador da cultura.

“Guinea é o único país africano que fala español, come paella e escoita Camela” conta o director do documental, Antonio Grunfeld, despois de vivir no país africano durante case cinco anos. “Parecíanos incríble o rápido que España esqueceu a Guinea, malia que o país se independizou hai menos de 50 anos. Investigamos e vimos que ese esquecemento non foi casual: a Lei de Materia Reservada franquista censurou durante case dez anos toda a información que chegaba sobre Guinea. Por iso, cando coñecemos a fascinante historia de Marcelo Ndong, que dalgún xeito rescata estes lazos, non quixemos deixala escapar”.

Marcelo Ndong, alias Manoliño Nguema, é un galego-guineano (como el mesmo se define) nado cando Guinea Ecuatorial aínda formaba parte de España e formado grazas a unha bolsa de estudos no coñecido Circo dos Muchachos de Bemposta (Ourense), a primeira escola de circo de Europa, que nas décadas dos 70 e 80 se converteu no proxecto cultural máis internacional de España. Despois de dar a volta ao mundo co Circo dos Muchachos varias veces, Marcelo Ndong decidiu volver á súa terra natal a principios dos 90, para apoiar a reconstrución dun país que quedara devastado trala descolonización de España no 68 e a posterior ditadura de Macías. “Facía falta de todo, eu pensaba que o principal era a comida, así que montamos unha cooperativa agrícola”, conta o propio Marcelo. Pero a cabra tira ao monte, e en pouco tempo Marcelo xa cortara a yuca que medraba no cine abandonado dunha pequena cidade ecuatoguineana, Ebebiyin, para dar vida a un rudimentario teatro. Logo diso, trasladouse a Malabo e alí creou a primeira escola de circo do país, formou a centos de mozos, conseguiu bolsas para outros tantos e converteuse no indiscutible pai do teatro de Guinea Ecuatorial.

De Guinea

Este sexaxenario artista africano rexenta agora unha pequena gardería en Malabo, onde recibe a inesperada visita dos cinco membros da ONGD coruñesa Waka Films -especializada en proxectos de comunicación para o desenvolvemento- que o pasado mes de xullo se desprazaron ata Guinea Ecuatorial para perseguir a historia de Marcelo Ndong. Catro anos despois de que a primeira idea vise a luz e logo de moitas idas e voltas, por fin estaban listos para comezar a gravación, aproveitando unha circunstancia única. Quico Cadaval pedíralle a Marcelo que, como en tantas outras ocasións, montara unha obra de teatro. Pero, desta vez, que o argumento fora a súa propia vida. Co apoio de dous dos seus mellores alumnos, Marcelo creará en Malabo unha obra de teatro que será representada en Santiago de Compostela. Unha viaxe persoal e creativa que os conducirá desde a Guinea postcolonial e a España franquista ata a actualidade de ambos os dous países, para ir pouco a pouco descubrindo a través do seu incríble periplo vital como mimo, músico, actor, circense, pero sobretodo migrante, os vivos e ata agora pouco coñecidos lazos culturais que unen Guinea Ecuatorial e España.

… ata Galicia

O equipo de Manoliño Nguema, de volta en Galicia despois de gravar a primeira parte do documental en Guinea Ecuatorial, busca agora financiamento colectivo para poder concluír o proxecto cun crowdfunding a través da plataforma Verkami. As rúas de Santiago de Compostela, a Cidade dos Muchachos de Bemposta, en Ourense, ou a Ribeira Sacra serán algúns dos escenarios escollidos para a rodaxe en Galicia, que terá lugar durante as dúas primeiras semanas de decembro e que culminará coa representación dunha obra de teatro realizada por Marcelo Ndong con dous dos seus alumnos -Gorsy Edú e Raimundo Bernabé (Russo)- no Teatro Principal de Santiago de Compostela o próximo 15 de decembro.

Coa axuda do financiamento colectivo

“Foi toda unha batalla poder realizar este proxecto, tanto pola falta de financiamento como polas condicións de rodaxe en Malabo -a guionista volveu con malaria-, pero agora que xa fixemos o máis difícil quédanos traer os protagonistas a Galicia para rematar a rodaxe e editar o filme” comenta o director, Antonio Grunfeld. “Non queremos deixar que o silencio imposto na época franquista continúe, queremos que Manoliño Nguema achegue á sociedade española a este incríble país ao que nos unen tantas cousas”, conclúe.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar