O Vello Cárcere de Lugo mantén a sua actividade cultural

O Vello Cárcere continúa na súa dinámica cultural. De feito, acolleu unha conferencia sobre o uso das novas tecnoloxías entre os mozos e mozas, así como a inauguración da mostra Cruzar el horizonte, e a presentación dun libro.

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, presentou, no auditorio deste centro, a xornada gratuíta, dirixida principalmente a familias e docentes, Desfrutar sen riscos nin abuso de internet, móbiles e redes sociais. O licenciado en informática e autor de varias publicacións e materiais didácticos relacionados co uso seguro das TIC, Jorge Flores, foi o encargado de impartir esta conferencia, coa que o Concello busca dar a coñecer como viven as e os adolescentes a súa vida dixital, identificar cales son os retos e as estratexias preventivas, así como pór en valor e potenciar as oportunidades que brinda a actual sociedade conectada a internet.

Por outra banda, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, inagurou unha nova exposición. Trátase dunha mostra composta por 33 cadros, da artista Pilar Llamas, cos que a autora busca trasportar á persoa espectadora a un horizonte de soños e a un realismo máxico. Esta é a segunda exposición pictórica de Llamas, tras participar en distintas colectivas de pintura abstracta. Posteriormente, tivo lugar a presentación do seu segundo libro, que reúne 22 narracións.

Esta exposición poderase visitar ao longo deste mes, en xornada de mañá, de 11:00 a 14:00 horas, e en xornada de tarde, de 17:30 a 20:30 horas os martes, mércores e domingos; de 17:30 a 23:00 horas os xoves e venres, e de 17:30 a 22:30 horas os sábados.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar