Quen dá a clase?

Quen dá a clase?. Moitos ven ao sistema educativo como unha trapallada, unha chambonada impropia dun país moderno, capaz e con eficiencia nos servizos públicos. Ninguén esquece a importancia das matemáticas, da música, da filosofía e das linguas, da literatura, a xeografía e a historia, e parece conveniente non descoidar aquelas materias que nos din o que somos e de onde vimos, nin aqueloutras que axudan a comprender o mundo como un todo, no que se integra o universo enteiro e, xa que logo, a humanidade e a terra.

Pero, ao parecer, requírense tamén plans de calidade, nos que deben traballar, e traballan, comisións específicas, comités de expertos, xerentes, directores de calidade e/ou funcionarios de alto nivel e salario. Cómpren avaliadores, propios e externos, que desenvolvan o seu labor en comisións e en solitario, e son necesarios procesos de formación de expertos en calidade e avaliación, con cursos de longa duración ben preparados, pagados e adaptados. Estes procesos, impulsados por organizacións creadas a tal efecto, requiren ser avaliados, primeiro, para acadar a acreditación e, despois, para mantela.

A calidade non abonda. As institucións que se encargan do ensino deben ter operativos plans de igualdade, de convivencia e inclusión, dotados de medios específicos, materiais e humanos. Parece moito, pero non é. Plans de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, “participativos e inclusivos, para que se impliquen tódalas mulleres e todos os homes que participen no sistema formativo e que teñan vontade de loita pola igualdade”, e plans que axuden a superar “as relacións estruturais de xénero existentes na sociedade”. Aí está, tal cal. Trátase de “familiarizar a todo o profesorado cos fundamentos normativos, tanto en termos de lexislación como de protocolos e orientacións”.

Os funcionarios teñen que atender igualmente aos procesos sindicais e prestar atención aos plans de seguridade e hixiene no traballo, aos de orientación e inserción laboral, ao protocolo de urxencias sanitarias e aos programas de mobilidade dos integrantes do sistema. Pois, para resolver todo isto, hai que elaborar, debater e compartir un plan estratéxico. Se un se para a pensar, faise a mesma pregunta que formula a Tía Manuela: quen dá a clase?

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar