A TVG lidera as audiencias da ponte é do temporal

Nesta pasada ponte festiva, a comprendida entre os días 6 e 10 de decembro, a TVG foi líder absoluta de audiencias en Galicia, tanto no conxunto do día coma no prime time. No primeiro caso, a Galega acadou unha cota acumulada do 11,6%, o que fixo que superase o competidor máis próximo, La1, en 5 décimas. Na faixa de maior consumo televisivo, a canle pública galega mediou no mesmo período un 13,5% de share, 1,9 puntos por enriba do seguinte competidor, que foi novamente La1.

Por días da semana, salientan as audiencias do venres e do sábado, cun 12,8% e 12,1% respectivamente de media no conxunto do día. No prime time, estas cifras incrementáronse ata un 13,7% e 13,9% respectivamente. En ambos os dous casos, foron os valores máximos acadados por unha canle en Galicia na ponte da Constitución.

Ademais, durante estes días festivos, a Televisión de Galicia situou 8 das súas emisións no ranking dos 10 programas máis vistos entre o mércores e o domingo. Entre estas emisións, atópanse as 5 máis vistas de todo o período.

O “Telexornal Mediodía” do domingo foi o programa con máis audiencia na ponte. Rexistrou unha audiencia media de 238.000 espectadores e unha cota de pantalla do 30,2%. Dentro deste informativo, a TVG acadou un pico de audiencia do 33,6% ás 14.47 h., cando se informaba sobre os efectos da borrasca Ana.

A segunda emisión máis vista tamén se produciu o domingo e foi da TVG. O “Telexornal Serán”, onde se informou polo miúdo da complicada tarde que se viviu en moitas localidades galegas, tivo unha audiencia media de 222.000 espectadores e un share do 21,4%. Ademais, este informativo foi quen de facerse co minuto de ouro do día, ás 21.26 h., cando se ofrecía a predición do tempo para as seguintes horas. Nese momento, sintonizaban a TVG 275.000 galegos.

Land Rober Tunai Show”, emitido o xoves, foi o terceiro programa máis seguido desde o día 6 e o espazo non informativo con maior audiencia neste mesmo período, cunha media de 200.000 espectadores e unha cota de pantalla do 25%. O programa presentado por Roberto Vilar, en que se desvelou a identidade dos presentadores que acompañarán a Gayoso nas badaladas de Fin de Ano, alcanzou o minuto máis visto en Galicia na pasada ponte. Ás 23.29 h. concentrou 238.000 persoas diante do televisor e rexistrou un 31,2% de share.

Ademais, a raíz do temporal sufridoen Galicia, a web da CRTVG anotou o día de maior audiencia de Internet no último mes, con máis de 36.000 usuarios conectados, o que se traduciu en case 50.000 sesións de Internet e case 190.000 páxinas vistas. Este domingo tamén se rexistrou un aumento significativo no número de seguidores da conta da TVG en Facebook, que xa supera os 90.000.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar