Presentación do libro “Carlos Casares no Parlamento de Galicia”

“A mentalidade aberta e o carácter cosmopolita  de Carlos Casares están sempre presentes e continúan sendo, decote, fonte de inspiración para os que consideramos que, lonxe de ensimismarse, a cultura galega ten vocación e potencial de universalidade”. Son palabras do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira no acto de presentación dun libro editado pola Cámara no que se recompilan as intervencións do escritor en Pleno durante a primeira Lexislatura, na que foi deputado.

“A paixón  pola nosa lingua e a obsesión por superar absurdos complexos de inferioridade latexan permanentemente nas súas intervencións desde a tribuna”, engadiu Santalices.

O libro, titulado Carlos Casares no Parlamento de Galicia, conta cun estudo introdutorio elaborado polo profesor Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega, biógrafo de Casares e responsable da edición presentada este mediodía na Biblioteca do Lexislativo galego. Ademais de Monteagudo, o acto contou coa intervención do ex deputado Miguel Barros e do fillo do homenaxeado, Håkan Olof Casares Berg.

O presidente do Parlamento afirmou que con este libro se salda unha débeda e se fai xustiza respecto ao perfil, un dos máis descoñecidos, de Carlos Casares como deputado da Cámara galega entre os anos 1981 e 1985.

Persoa comprometida con Galicia

Santalices apuntou que, ademais de home de letras, Carlos Casares foi unha persoa “intensamente comprometida con Galicia e cos  galegos”, como deputado, como docente, como xestor cultural e como presidente do Consello da Cultura Galega.

A xuízo do titular do Lexislativo galego, as intervencións parlamentarias recompiladas no libro “seguen suscitando interese malia o tempo transcorrido e os indubidables avances rexistrados” desde entón.

O volume reproduce as intervencións parlamentarias de Carlos Casares no Pleno da Cámara e foron tomadas do Diario de Sesións do Parlamento de Galicia, “fonte inesgotable para todas as persoas interesadas na historia contemporánea do país”. Poderá consultarse na web do Parlamento.

Lembrou Santalices que na primeira Lexislatura do Parlamento de Galicia formaban parte da Cámara  figuras “fundamentais” para as letras e a cultura do país, como Ramón Piñeiro, Benxamín Casal, Alfredo Conde ou  Carlos Casares. Foron, ao seu xuízo, “galeguistas militantes que transcenden abertamente os límites das siglas partidarias e que nun momento determinante da nosa historia, tiveron a valentía de dar un paso adiante  e participar activamente naquel proceso ilusionante no que todas as achegas eran tan benvidas como necesarias”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar